O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 624, 147 menos ca na anterior actualización, segundo o reconto ofrecido este martes polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse tres novas mortes, as tres de persoas procedentes do xeriátrico de Vilaba, e documentáronse 16 positivos novos por PCR, polo que nese mesmo período déronse 159 altas.
Dos 624 positivos, 25 permanecen ingresados, seis menos ca na anterior actualización. O Hospital da Mariña atende dous pacientes con Covid-19, por 19 o HULA -entre eles os dous doentes da área sanitaria lucense que requiren coidados intensivos-
No histórico da provincia contabilízanse 136 falecementos, 5.471 altas e 6.502 casos acumulados. Fixéronse 107.557 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 454 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica, os datos deste martes confirman a mellora de Burela, que baixa dos dez positivos novos confirmados nos últimos 14 días, cando o pasado 27 de novembro contaba 38. Foz é así o único municipio da Mariña con máis de dez contaxios localizados nas últimas dúas semanas, 15, aínda que tamén cunha evolución favorable.
O Vicedo, Ourol, O Valadouro, Trabada e Barreiros seguen libres de Covid-19, unha situación á que se suma Lourenzá. O resto dos municipios mariñaos teñen entre un e nove positivos.