O Concello promove en colaboración coa ACIA-Centro Comercial Aberto nunha campaña de agasallos este venres e sábado, dentro do programa Impulsa Foz. A iniciativa ten como obxectivo dar un pulo ao comercio local ante unha campaña de Nadal decisiva e nun contexto de crise económica por mor da Covid-19.
O concelleiro de Turismo e Asuntos Económicos de Foz, Chema Linares, explica que “todos aqueles que fagan compras superiores aos dez euros o venres 11 e sábado 12 de decembro nos comercios adheridos á campaña, poderán achegarse co seu tique de compra á caseta situada diante do Concello, o venres de 17.00 a 20.00 horas e o sábado de 11.00 a 14.00 horas. Por cada recibo de compra será entregado un vale sorpresa cun agasallo seguro: hai catro diferentes”, indica.
O edil traslada a súa preocupación polo pequeno comercio local: “somos coñecedores das dificultades que están a pasar os negocios nesta crise. Cremos que esta campaña, na que colabora a ACIA local, é un aliciente para que máis xente se achegue a Foz a realizar as súas compras: con precaución sempre, pero máis que nunca temos que pensar en axudar a todas as nosas veciñas e veciños autónomos que teñen unha pequena tenda e esquecernos por un momento das grandes plataformas dixitais multinacionais”, expón.
O alcalde, Fran Cajoto, espera que “esta campaña sexa un aliciente para vir a Foz, pasear, e tamén desfrutar da nosa hostalería, que dispón de claros exemplos de cómo se poden facer ben as cousas na prevención da Covid-19 e que aínda así está a sufrir as consecuencias económicas da pandemia”.
SORTEO DE VALES DE COMPRA
Cajoto engade que “ao ladiño mesmo da caseta de promoción, tamén diante do Concello, haberá unha segunda instalación con fotos de Foz. Temos lugares ben fermosos e estas imaxes son unha pequena representación deles. Dende o venres 11 e ata o martes 15 de decembro todo aquel que se saque unha foto diante destas imaxes de Foz e a suba ás súas redes sociais –Facebook, Instagram ou Twitter– co hastag #impulsafoz entrará no sorteo de dous premios, consistentes en vales de compra no noso comercio local (200 euros para o primeiro premio e 100 euros para o segundo)”, concreta.
“Esperamos que moita xente se anime, debemos coidar Foz e promocionalo entre todas e todos. Podemos estar ben orgullosos do sitio no que vivimos. Isto non deixa de ser un aliciente máis para achegarse á nosa vila. Co alumeado de Nadal acendido e con recunchos con decorados tan espectaculares como o barco Joaquincito, en Tupide, ou a gran árbore de Nadal na Glorieta de Vilalba, pasear polas nosas rúas este mes de decembro é a mellor opción”, concluíu.