O equipo de goberno de Mondoñedo aprobou o pasado venres en solitario a declaración de especial interese municipal do parque eólico de Sasdónigas, que proxecta a empresa Norvento.
A aprobación da proposta, que suporá reducións fiscais para a empresa no imposto de tributos como o Imposto sobre as construcións, instalacións e obras (Icio), provocou un cruce de acusacións entre a alcaldesa, a popular Elena Candia, e a voceira dos socialistas no municipio, Esperanza González.
González cifrou en “110.000 euros” a rebaixa do “50%” do Icio da que se beneficiará a empresa, unha cantidade que “os mindonienses non se poden permitir o luxo de deixar de percibir”.
A voceira do PSdeG de Mondoñedo acusa a Candia de “actuar como accionista de Norvento en vez de defender os dereitos dos veciños”.
A dirixente socialista lamenta que o municipio será o primeiro de Galicia en rebaixar un imposto pola creación de cinco postos de traballo a unha empresa que conta con máis de 20 millóns de euros de beneficios”.
UNANIMIDADE
A alcaldesa, pola súa banda, lembra que “a modificación das ordenanzas do IBI, IAE e Icio que aprobou a corporación mindoniense contou co voto favorable de todos os grupos con representación, incluído o PSdeG”.
Ademais, recorda que a adhesión ao convenio “doing business” obtivo tamén o “voto favorable do PSOE”.
Mentres que González defende que estes acordos “estaban enfocados en axudar ás PEMES e autonómos e non a empresas millonarias”, Candia insiste en que “seguirá traballando para crear emprego” e que “sempre que unha empresa se comprometa a xerar postos de traballo terá posibilidade a acollerse a incentivos”.