O xulgado de Primeira Instancia número 1 de Viveiro condenou á promotora Inmo Xerión, a un arquitecto superior e a dous aparelladores a indemnizar ao Concello viveirense con 429.560 euros polos danos ocasionados que tivo que asumir trala cesión, en outubro do 2008, dun muro pantalla levantado para construír un edificio de 37 pisos no Celeiriño.
O Concello será indemnizado polo custo da demolición dos inmobles, o aluguer de apartamentos para os prexudicados e polo prezo dos pisos declarados en ruínas.
AS ENTIDADES MERCANTÍS, ABSOLTAS
Segundo a sentenza, contra a que cabe presentar recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, as entidades mercantís Euromontaxe Profesional e Irmáns Pigueiras non actuaron de forma neglixente, polo que quedan absoltas.
FALLO
O xuíz considera acreditado que a causa e o desencadeante dos danos foron “o proceso construtivo levado a cabo polos demandados”. O maxistrado basea esta conclusión “nos informes periciais” e na “lóxica”, xa que os veciños testificaron que os danos comezaron co inicio das obras.
O fallo subliña que a promotora debeu ter en conta “a situación de precariedade” do chan no que se asenta o barrio do Celeiriño, que non é “xuridicamente unha causa do sinistro”, senón unha circunstancia a meditar polo arquitecto superior á hora de elixir a técnica construtiva máis axeitada.
O MAXISTRADO CRE QUE OS CONDENADOS DEBERON TER EN CONTA “A PRECARIDADE DO CHAN, causa do sinistro”
A sentenza conclúe que o arquitecto non tivo en conta “as condicións do terreo lindeiro ao da obra para elaborar o seu proxecto”, nin o “público e notorio mal estado do barrio”.
No tocante á responsabilidade dos dous arquitectos técnicos, o maxistrado sinala que “é evidente” que actuaron “de forma altamente neglixente”, pois non tomaron “ningunha medida para determinar que estaba a suceder na obra e cal era a orixe do consumo excesivo de formigón”.
A promotora condenada, segundo consta na sentenza, tras a aparición dos primeiros “problemas serios” relacionados coa excavación, proseguiu coa edificación “sen adoptar todas as cautelas” para liquidalos.
FAMILIAS DESALOXADAS
O 2 de outubro do 2008, as obras de recheo do subsolo para levantar un edificio de 37 vivendas no Celeiriño causaron o derrube dun barrio e o desaloxo de 29 familias. Once casas ficaron en ruína.
O Concello custeou o aluguer aos desaloxados e sete deles obtiveron pisos de substitución, a raíz dun acordo entre o goberno local e IGVS.
AS OBRAS, NO 2008, deixaron once casas en ruína
O CONCELLO PEDÍA 1,3 MILLÓNS
En setembro do 2012, o Concello presentou unha demanda pola que reclamaba 1,3 millóns de euros polos daños e prexuízos ocasionados.
Na denuncia incluíuse o importe -900.000 euros- achegado pola Xunta de Galicia para adquirir as vivendas máis danadas.