A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou este mércores a súa “total colaboración” para aprobar no vindeiro mes de xaneiro o Plan de dinamización da Área Rexurbe de Mondoñedo, a primeira que se declarou en Galicia ao abeiro da Lei de rehabilitación, polo que a aprobación deste plan de dinamización tamén se converterá no primeiro que se aprobe.
A conselleira de Medio Ambiente indicou que na actualidade xa se teñen solicitado a todas as consellerías o informe no que deben pronunciarse sobre os programas e actuacións da súa competencia que poden aplicarse, así como valorar a viabilidade técnica das propostas recollidas no Plan de dinamización de Mondoñedo.
Unha vez que o Consello da Xunta dea o visto e prace poderán iniciarse as actuacións que revitalizarán este ámbito de case 4,5 Km2 -que abrangue o conxunto histórico e a zona dos Remedios e da rúa Álvaro Cunqueiro– dende un punto de vista non só arquitectónico, senón tamén desde a perspectiva ambiental, económica, social e cultural.
Vázquez recordou que Mondoñedo “é un exemplo de concello comprometido coa recuperación e a conservación do patrimonio construído, tal e como se pon de manifesto coa recuperación dos inmobles na rúa Muíños (nos números 26 e 28) e que continuará coa rehabilitación do número 24 desta mesma rúa; ou ao abeiro do Programa Rexurbe, a través do cal se fixo unha oferta pública en 2020 para a adquisición de inmobles, resultando 13 ofertas, e sobre os que hai un acordo pechado entre o IGVS e os propietarios -nun 70% do total-“.
820.000 EUROS PARA REHABILITACIÓNS NA ARI
Segundo explicou Vázquez, tanto a Área Rexurbe como o Programa Rexurbe complementarán o traballo que se vén realizando a través da ARI dos Camiños, na que está integrada Mondoñedo, ou da Área de Rehabilitación Integral declarada no Concello.
Nese sentido, invitou aos veciños de Mondoñedo a beneficiarse do orzamento dispoñible para executar actuacións de rehabilitación nesta ARI e que se eleva a máis de 820.000 euros, tendo en conta os importes pendentes de consignar de convocatorias anteriores, máis o importe concedido ao abeiro da convocatoria do ano 2020.