O mel ‘Ouro Puro‘, de Alfoz, foi elixido o mellor monofloral de Galicia na XIX Cata dos Meles organizada pola Consellería de Medio Rural e a Idicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, que contou coa participación de 37 mostras deste produto. O conselleiro, José González Vázquez, entregoulle esta distinción ao responsable da marca, Iván Marrube, nun acto celebrado o pasado xoves, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. ‘O Poder das Flores‘, tamén asentada no municipio alfocego e liderada por Javier Carreiras, recibiu o máximo galardón na variedade multifloral.
Non foi a única distinción para A Mariña e en concreto para o Val do Ouro, que se confirman como potencias meleiras: na categoría multifrolar, o bronce foi para “O Trobo Mel do Valadouro”, de Mari Fe Sixto Pernas.
Marrube está moi contento por “acadar este premio na primeira vez” que presentou o seu mel a unha cata e explica: “levamos producindo mel desde o ano 2012 coa marca Ouro Puro, que é un proxecto que puxemos en marcha para crear unha firma galega de produtos de primeira calidade. Isto dános forzas para continuar nesta liña de traballo”, concluíu.
Consulta nesta ligazón a listaxe de mellores meles e queixos de Galicia.