Ramón González Rey/axencias. A administración de lotería de Lourenzá, A Faba de Ouro, que así se chama en honra da leguminosa que identifica ao municipio, repartiu 60.000 euros do quinto premio vendido neste municipio, o 19.371, no Sorteo de Nadal deste ano e que tocou tamén en distintas localidades do Estado.
Os seus propietarios, Toni Vázquez e Maribel Rivas, expresaban a súa alegría polo premio, trala venda dunha serie vendida integramente no portelo, polo que cre que estará “repartido. Os últimos décimos aínda se venderon onte á tarde“, concretan.
“Sempre repartimos sorte”, sinala Rivas despois de que, desde a súa apertura en 2012, excepto o ano pasado, “cando só tocaron pedreas”, sempre desen algún premio do Sorteo de Nadal. “Tocounos un primeiro premio de Lotería Nacional, tres quintos premios de Lotería de Nadal, un cuarto premio de Lotería de Nadal, e un primeiro premio da Lotería de xoves. Todos os anos repartimos algo. Estamos moi contentos”, explica.
Por agora non se achegou ningún cliente premiado, aínda que hai “moita expectación e os veciños veñen a preguntar que número é. Non sabemos a quen lle puido tocar, esperámolos para abrir a champaña”, explica entre o balbordo da administración, situada no corazón na vila, no número 13 da Praza de Linares Rivas.
Este ano coincide con outras administracións de lotería en que é máis “especial” polo contexto que se vive de pandemia. “É un petisco moi importante”, recoñece. Unha pequena chiscadela a unha vila que, ademais de sufrir a crise global pola Covid-19, vén de perder recentemente o seu baluarte económico, a fábrica de mobles Muebles Hermida.