O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo mantense en 397, segundo o reconto ofrecido este martes polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas localizáronse 13 positivos novos por PCR (28 menos ca os comunicados onte).
Dos 397 contaxiados, 13 permanecen ingresados (un menos). O Hospital Público da Mariña atende seis pacientes con Covid-19, os mesmos ca o HULA -entre eles os tres doentes da área sanitaria lucense que requiren de coidados intensivos-. O centro hospitalario de Monforte coida dun positivo.
A PROVINCIA SOBREPASA OS 7.000 CASOS ACUMULADOS
No histórico da provincia documéntanse 145 falecementos, 6.465 altas e 7.009 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 123.460 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse un total de 389 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica por municipio, en Viveiro –concello no que se aplicarán desde a medianoite as restricións máis duras para evitar contaxios– e Xove -onde as medidas adoptadas serán de nivel medio alto, incluíndo tamén o peche perimetral– seguen a medrar os positivos.
En Viveiro documentáronse 60 positivos novos nas últimas dúas semanas (dous máis ca os comunicados onte), mentres que en Xove confirmáronse 45 casos por PCR nese mesmo prazo (cinco máis ca na anterior actualización). Nos dous casos a taxa de incidencia acumulada está por riba dos 250 contaxios por 100.000 habitantes. En Ribadeo a Xunta contabiliza 18 novas infeccións nos últimos 14 días, por once en Burela.
Só Lourenzá e A Pontenova permanecen libres de Covid-19 na Mariña; os restantes municipios mariñaos teñen entre un e nove casos confirmados no período anteriormente mencionado, con taxas de incidencia especialmente acusadas (superiores aos 250 casos por 100.000 residentes) en Trabada e O Vicedo.
ARES RELACIONA OS ABROCHOS DE XOVE E VIVEIRO
“A Mariña é o distrito de Lugo que máis preocupa”, recoñeceu o xerente da área sanitaria de Lugo, Burela e Monforte, Ramón Ares. “Viveiro é un abrocho acotado nun brote familiar, pero seguen a saír casos de xente que estaba previamente corentenada; de aí as medidas adoptadas”, argumentou.
No tocante a Xove, “tamén son núcleos de transmisión familiar”, expuxo, relacionando o auxe dos positivos co aumento en Viveiro. “Están ligados en parte, a comunicación entre os concellos é contínua. Preocupa a cantidade de contaxios que apareceron na última semana e que seguen aparecendo. Estes concellos estarán perimetrados, aínda que si haberá mobilidade en Fin de ano e Aninovo para encontros familiares, lembrando que se mantén o toque de queda e que no concello viveirense a hostalería pechará ás 18.00 horas; tentamos con estas medidas volver canto antes a unha normalidade epidemiolóxica”, afirmou.
A HOSTALERÍA PECHARÁ ÁS 18.00 HORAS E HABERÁ MOBILIDADE PARA XUNTANZAS FAMILIARES O 30, 31 E 1
Con respecto ás ceas e comidas familiares, en Viveiro e Xove mantéñense as mesmas limitacións que no resto de concellos de Galicia, sendo as mesmas que as establecidas para Noiteboa e Nadal (dúas unidades familiares cun máximo de dez persoas, nenos incluídos).
Ademais, o día 1 de xaneiro de 2021, a hostelería non poderá abrir antes das 11.00 horas. O toque de queda mantense nas 23.00 horas, permitíndose a mobilidade unicamente na noite de Fin de Ano ata a 1.30 horas.
RESIDENCIAS
A Xunta comunicou este martes dous novos positivos de usuarios na residencia San Bartolomeu de Xove.
MAIORES
13 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
5 Residencia San Bartolomeu de Xove
TRABALLADORES
5 Residencia San Bartolomeu (Xove)
1 relixiosa Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
Do cómputo do Sergas retíranse os positivos recollidos en San Cibrao, Foz e Trabada, o primeiro deles por negativizar e os seguintes por tratárense de falsos positivos.