O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou á tenente de alcalde de Mondoñedo, Elena Candia, dos avances no proceso para que o centro de saúde mindoniense conte cun espazo para albergar os servizos de fisioterapia, segundo expuxo o goberno local nun comunicado.
A Xunta, de acordo coa nota do Concello, adxudicou o pasado 18 de decembro o contrato do proxecto de obra para a implantación dunha sala de fisioterapia neste centro de saúde.
A obra consistirá na instalación dunha sala de exercicios con tres boxes de tratamentos para electroterapia, microondas e ondas de choque, e o resto da sala para a localización de dúas padiolas de tratamentos, dous ergonómetros, unha mesa de mans, unhas espalderas dun metro, paralelas, escaleira con rampla e o resto de material, así como dous aseos adaptados con vestiario con seis cabinas cada un. Ao non dispoñerse de consulta para a fisioterapeuta dispoñerase no ximnasio dun posto administrativo con conexión a rede corporativa.
A empresa adxudicataria do contrato deberá entregar en xaneiro o proxecto e, unha vez supervisado polo Sergas, poderá licitarse a obra, cun orzamento estimado duns 50.000 euros.