O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo ascende a 430, 33 máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este mércores polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse 50 positivos novos por PCR.
Dos 430 contaxiados, 14 permanecen ingresados (un máis). O Hospital Público da Mariña atende cinco pacientes con Covid-19, un menos, por sete o HULA -entre eles os dous da área sanitaria lucense que requiren de coidados intensivos– e dous o centro hospitalario de Monforte.
No histórico da provincia documéntanse 145 falecidos, 6.482 altas e 7.059 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 124.244 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 784 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica por municipios, os casos dispáranse en Xove, con 65 positivos confirmados nos últimos 14 días (20 máis dos comunicados onte). Viveiro mantense en 58 contaxios novos nese mesmo prazo. Ribadeo conta 18 infeccións detectadas nas últimas dúas semanas, mentres que Burela suma doce.
Só Lourenza e A Pontenova están libres de Covid-19 na Mariña. Os restantes concellos teñen entre un e nove positivos confirmados en 14 días, con taxas de incidencia acumulada especialmente acusadas -por riba dos 250 casos por 100.000 habitantes, como en Viveiro e Xove-, no Vicedo, Alfoz e Trabada.
RESIDENCIAS
MAIORES
13 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
5 Residencia San Bartolomeu de Xove
TRABALLADORES
1 Residencia Hospital San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
5 Residencia San Bartolomeu (Xove)