O Concello de Barreiros vén de facer pública a recadación obtida coas inscricións das persoas que participaron no evento virtual ‘Máis Kms Barreiros‘. Con un total de 292 inscritos, a recadación ascendeu a 1.356 euros que, tal e como se tiña anunciado, pasarán a formar parte do orzamento municipal para atender situacións de emerxencia social no concello barreirense.
A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, amosa o seu agradecemento “a todas as persoas que solidaria, voluntaria e anonimamente contribuíron para que as máis de medio cento de persoas que agora mesmo reciben axuda por parte dos servizos sociais municipais poidan contar con maior orzamento para atender as necesidades vitais básicas“.
Actualmente os servizos sociais municipais atenden en Barreiros a preto dunha trintena de familias que agrupan a máis de medio cento de persoas, téndose producido un lixeiro incremento de solicitudes no segundo semestre do ano.
A mandataria municipal explica que “a idea inicial xurdiu do convencemento de que contamos con veciñanza solidaria e disposta a aportar o seu gran de area para contribuír a unha sociedade máis xusta e igualitaria” e, nese sentido, remarca “a labor de xustiza social que debe desenvolverse desde as administracións públicas, aplicando criterios obxectivos na redistribución da riqueza”.
Ermida remarca que o Concello triplicou no orzamento do ano 2020 a partida de emerxencia social, con respecto ao do 2019, consignando 9.000 euros para este fin, triplicándose tamén os pagos realizados nese concepto durante o 2020 con respecto ao exercicio anterior.
Así, concluíu reiterando “o firme compromiso do goberno municipal na atención ás persoas e no acompañamento das familias que poidan precisar de asistencia social, lembrando que as administracións estamos para facilitarlle a vida á xente e garantir a cobertura das necesidades vitais básicas en condicións de igualdade e con criterios xustos e obxectivos”.
VALES DE COMPRA PARA REACTIVAR O COMERCIO
Entre os case 300 participantes, ademais, sortearanse vales de compra para consumir no comercio e hostalería locais, cun investimento previsto nun principio de 3.000 euros por parte das arcas municipais.