O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo aumenta a 619, 44 máis ca na anterior actualización e 88 máis cós comunicados o pasado luns. Nas últimas 24 horas confirmáronse 63 novos contaxios por PCR, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Das 619 persoas contaxiadas, 19 permanecen ingresadas, unha máis. O Hospital da Mariña atende once pacientes con Covid-19, por cinco o HULA e tres o centro hospitalario de Monforte. Non hai doentes da área sanitaria en unidades de coidados intensivos.
No histórico da provincia documentáronse 146 falecementos, 6.693 altas e 7.460 contaxios acumulados. Fixéronse 130.505 PCR, o que implica que nas últimas 48 horas efectuáronse 2.193 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica por municipios, Xove acumula 99 casos novos nos últimos 14 días, por 89 de Viveiro. O pasado día 5 de xaneiro o Sergas documentaba 79 positivos novos no concello xovense nese mesmo prazo (-20), por 78 no viveirense (-11). Estes dous termos municipais permanecen pechados perimetralmente pola Xunta de Galicia.
En Burela confirmáronse 39 contaxios nese mesmo período, por 25 en Ribadeo, doce en Cervo e dez en Foz. Lourenzá e Barreiros están libres de Covid-19, e os restantes municipios da Mariña teñen entre un e nove casos localizados nas últimas dúas semanas.