O número de maiores positivos por coronavirus na residencia San Bartolomeu de Xove aumenta a 23; son nove máis dos documentados onte, despois de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicase este xoves 7 de xaneiro doce casos novos e tres altas no xeriátrico xovense. Ás 23 infeccións hai que sumar unha máis nos apartamentos tutelados, que xestiona igualmente a Fundación San Rosendo.
O aumento dos positivos no xeriátrico explica en parte o aumento dos casos no municipio xovense, con 99 contaxios confirmados nas últimas dúas semanas.
Con respecto ao Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo), onde se documentou outro gromo de importancia, no reconto non se reflicten novidades. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, asegura que o último cribado xeral realizado a traballadores e usuarios deu negativo; iso quere dicir, argumenta, que “este gromo non vai a máis e isto tamén nos permite pensar que se produciu o punto de inflexión a partir do cal as cousas han ir indo paseniñamente a mellor”.
MAIORES
1 Residencia de Maiores de Burela
19 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
1 Apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove
23 Residencia San Bartolomeu de Xove
TRABALLADORES
1 Residencia de Foz
3 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
1 Residencia de Trabada
2 Residencia Domusvi Viveiro
12 Residencia San Bartolomeu (Xove)
A Deputación Provincial de Lugo afirmou nun comunicado que o contaxio localizado entre o persoal da residencia de Trabada trátase dun falso positivo, posto que a persoa supostamente infectada deu negativo nunha PCR realizada posteriormente á diagnose.
“UN ALIVIO” TRAS MESES DE TENSIÓN
Por outra banda, comezaron as vacinacións na residencia de Foz, segundo concretou o goberno local.
O alcalde, Fran Cajoto, declarou que “a vacinación dos maiores da residencia constitúe un gran alivio para todos: é un colectivo de gran risco, por idade e por patoloxías de cada un, e constituíu desde o inicio unha das grandes preocupacións na pandemia. Foron meses difíciles, en distintas ocasións os residentes tiveron que ser confinados nas súas habitacións, con todas as incomodidades que isto supón. Neste sentido quero agradecer o esforzo feito por todos os traballadores da residencia: non é fácil soportar unha situación de tensión durante tantos meses”, remarcou o rexedor, que pediu á poboación do municipio “a máxima das responsabilidades, que se eviten aglomeracións, que nos esquezamos de festas particulares ou de xuntanzas. Un mal comportamento duns poucos pode derivar en problemas de saúde e nunha crise económica moi forte aos nosos veciños”, apuntou.