O Concello de Viveiro informou a través dun comunicado de prensa de que, ante o aumento dos casos positivos por Covid-19 nos últimos días no municipio, con 89 contaxios localizados nas últimas dúas semanas, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) decidiu realizar un cribado masivo no municipio. O fin dos tests é detectar posibles casos en persoas asintomáticas e, “deste xeito, frear a cadea de transmisión do virus, xa que moitas das infeccións detectadas eran de persoas que non presentaban síntomas”, concreta o goberno local.
“O cribado diríxese a traballadores e traballadoras do sector servizos (comercio, supermercados, hostalaría, farmacias, gasolineiras ou perruquerías), entendendo que se trata dos colectivos máis expostos“, remarca o Concello.
INSCRICIÓNS
As probas realizaranse este domingo 10 de xaneiro, ao longo de todo o día, no pavillón municipal. Todas aquelas persoas interesadas en realizar a proba deben anotarse chamando ao teléfono 676.877.799 ou no correo electrónico covid@viveiro.es antes das 21.00 horas do venres 8 de xaneiro. Tamén poden anotarse na Casa do Concello, o venres 8 de xaneiro, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
No momento de anotarse debe facilitarse nome e apelidos, DNI, número de teléfono e actividade que realiza. O Sergas encargarase de chamar a cada persoa para indicarlle a hora á que deben presentarse.
Dende o Concello de Viveiro recoméndase “encarecidamente” a “todas aquelas persoas que traballen nos colectivos mencionados que colaboren na realización deste cribado. O goberno local recorda que a súa participación axudará a frear, á maior brevidade, o aumento de contaxios”.
Aproveitando a realización deste cribado, tamén se realizarán probas PCR aos traballadores de axuda no fogar, aos empregados da Asociación de Alzheimer e ao departamento de Servizos Sociais, xa que este colectivo está en contacto continuo con persoas vulnerables.