IniciosociedadeAdxudicada a redacción do proxecto construtivo para a mellora da traída en...

Adxudicada a redacción do proxecto construtivo para a mellora da traída en Ribadeo e Trabada

Este novo contrato é o resultado do estudo de alternativas realizado previamente, no que se analizou a substitución da condución de abastecemento actual

Publicada o

- Advertisement -

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo a mellora do abastecemento nos concellos de Ribadeo e Trabada. Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 18.000 euros, foi adxudicado á empresa Idom Consulting, Engineering, Architecture S.A.U. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de seis meses.

Este contrato é o resultado das xuntanzas e compromisos mantido nestes últimos tempos entre os Concellos de Ribadeo e Trabada coa Xunta de Galicia para buscar unha solución definitiva a un problema sen resolver desde hai unha década e que polas constantes roturas da tubaxe, moi deteriorada, pon en risco de desabastecemento de auga potable á poboación ribadense e á de sete núcleos de poboación do municipio trabadense (Vilarbetote, A Rabexa, Sante, Pacios, Pedrido, San Martiño e Vilafernando).

UN DETERIORO DA REDE SEN RESOLVER DESDE HAI UNHA DÉCADA E QUE PROVOCA CONSTANTES ROTURAS

Os traballos a realizar consisten na redacción dun proxecto construtivo para o desenvolvemento a nivel de detalle da alternativa seleccionada e validada por ambos Concellos, para dar solución ao deterioro das redes de abastecemento de auga.

Este novo contrato é o resultado do estudo de alternativas realizado previamente, no que se analizou a substitución da condución de abastecemento actual, que se atopa nun estado deficiente, por un sistema eficiente e tecnicamente viable.

Os traballos a realizar consisten nos servizos de enxeñería para a realización do conxunto de campañas de campo que son necesarias para garantir a viabilidade técnica e poder definir o trazado de detalle no termo municipal de Trabada para a nova condución xeral de abastecemento a Ribadeo desde o límite co municipio ribadense ata o depósito de Vilarbetote.

TUBAXES DE FINAIS DOS ANOS 70

O rexedor ribadense, Fernando Suárez Barcia, agarda que “este contrato sirva para dar unha solución definitiva a esta problemática sufrida desde hai moito tempo polo estado obsoleto dunhas tubarías que datan de finais dos anos setenta do século pasado e que frecuentemente provocan avarías e poñen en serio risco de desabastecemento á poboación. De aí que hai uns meses foi realizado pola entidade pública autonómica de Augas de Galicia un estudo de alternativas de paso, no que se analizou a substitución da condución de abastecemento actual”, concluíu.

Suárez Barcia indicou que “agora este novo paso pretende contribuír á redacción definitiva dun conxunto de proxectos que permitan determinar o montante total necesario para a execución das obras, correspondéndolle a este Concello os levantamentos topográficos, traballos xeotécnicos e xeolóxicos e as avaliacións dos organismos afectados. Con esta actuación o Concello de Ribadeo segue a impulsar, xunto co Concello de Trabada e a entidade hidráulica da Xunta de Galicia, as tarefas para definir as obras necesarias para solucionar os problemas de abastecemento de ambos os dous municipios”.

O FINANCIAMENTO PARA AS OBRAS, PENDENTE

O alcalde lembrou que “a Xunta e os Concellos de Ribadeo e de Trabada acordaron impulsar conxuntamente unha solución aos problemas de abastecemento de ambos os dous municipios, comprometéndose todas as partes para buscar o financiamento necesario”,  co cofinanciamento, tamén, da Deputación provincial de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

A alcaldesa trabadense, Mayra García Bermúdez, salientou a relevancia “dunha obra de carácter supramunicipal tan importante para ambos os dous Concellos, e quen sen dúbida supón un importante esforzo investidor para as entidades locais”.

Segundo concretou García Bermúdez, o Concello de Trabada destina preto de 6.000 euros para a elaboración do estudo de detalle da alternativa seleccionada no ámbito do seu territorio, co obxecto de validar o trazado dende un punto de vista xeotécnico, topográfico e administrativo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...