A Xunta de Galicia apoiará a cinco novas empresas da Mariña Lucense a través do programa Galicia Rural Emprende.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria concederá un total de 280.000 euros a estes cinco novos proxectos empresariais, impulsados por autónomos e PEMES de sectores non agrarios nos concellos de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto.
Unha academia en Mondoñedo, apartamentos turísticos en Ribadeo, un parque de aventuras e unha tenda de artigos de regalo en Viveiro e unha iniciativa de fontanería en Riotorto son os proxectos empresariais que apoiará o Goberno galego na bisbarra.
ANTICIPO
A contía das subvencións prevista no programa oscila entre os 20.000 e os 70.000 euros. Os beneficiarios teñen dereito a obter un anticipo do 60% da axuda total, que se fará efectiva en novembro.
PRIORIDADE
As bases do programa Galicia Rural Emprende establecen que as actividades prioritarias á hora de conceder as axudas son a artesanía, a prestación de servizos sociais -escolas infantís, coidado de maiores-, deporte e recreo, o téxtil, novas tecnoloxías, arquitectura, servizos técnicos, audiovisuais ou veterinarios, entre outros.