O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo aumenta a 778, 27 máis ca na anterior actualización, segundo o reconto ofrecido este luns polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse un total de 50 positivos novos por PCR.
Dos 778 contaxiados, 24 permanecen ingresados (dous máis). O Hospital da Mariña atende doce pacientes con Covid-19 (sen variacións), por oito o HULA -un máis, entre eles os tres da área sanitaria lucense que requiren de coidados intensivos- e catro o centro hospitalario de Monforte (un máis).
No histórico da provincia documéntanse 148 defuncións, a máis recente a dun varón de 80 anos no Hospital da Mariña, 6.802 altas e 7.730 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 133.652 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 922 probas, unha cifra que será superior de incluírse no cómputo as arredor de 1.400 análises do cribado masivo de Viveiro.
No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, en Viveiro segue a aumentar o número de casos novos confirmados nos últimos 14 días; pasa dos 148 comunicados onte a 164. En Xove, o outro concello da Mariña pechado perimetralmente, os contaxios localizados nas últimas dúas semanas baixan de 107 a 101.
En Burela detectáronse 45 infeccións novas nese mesmo prazo (sen variacións), mentres que en Ribadeo confirmáronse 21 e en Cervo 18; o resto dos concellos mariñaos baixan de dez casos en 14 días. Lourenzá e Barreiros son os únicos municipios da Mariña libres de Covid-19.