IniciosociedadeAs perdas pola Covid-19 en Ribadeo: o 40% no comercio, o 55%...

As perdas pola Covid-19 en Ribadeo: o 40% no comercio, o 55% na hostalería e o 100% no lecer nocturno

Acisa revelou os resultados da enquisa realizada entre os seus socios para avaliar o 2020 en relación co exercicio 2019

Publicada o

A nova normalidade traída pola pandemia da Covid-19 ocasionou unhas perdas do 40% ao empresariado de Ribadeo durante o pasado ano 2020. Así se desprende da enquisa realizada por Acisa entre os seus socios ao longo dos últimos días.
Segundo indica Francisco Iriarte, presidente de Acisa, “tras analizar os datos das consultas feitas por escrito e telefonicamente aos nosos socios e socias, así como os datos da campaña das Panchas, podemos falar dunha media de perdas das empresas ribadenses de algo máis do 40% o pasado ano. A cifra oscila nunha pinza que se sitúa entre o 35% de media no sector do comercio e o 55% no da hostalería, sempre comparando os datos con respecto ao ano 2019”.

CAMPAÑA DE NADAL

Iriarte sinala que durante a pasada campaña de Nadal as perdas foron algo maiores: “de media no empresariado ribadense as perdas foron algo máis do 45%. Especialmente notouse o descenso de vendas no sector da hostalería, onde a media sitúase por encima do 60% e é algo menor no comercio cunha media do 30%. Hai que lembrar que non houbo celebracións familiares nin de empresas durante o Nadal, co que iso supón para a facturación dos establecementos hostaleiros”, concretou. Esta situación “tamén repercutiu nas vendas de roupa de festa, zapatos, complementos, salóns de peiteado”.

O OCIO NOCTURNO, O MÁIS PREXUDICADO, CON PERDAS QUE ROLDAN O 100%

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifesta que “se trata de datos globais, medias aritméticas, aínda que evidentemente hai excepcións nas que as cifras non chegan a ser tan elevadas como é o caso de alimentación, e algún determinado sector comercial ou de servizos. Tamén hai exemplos de perdas maiores, como é o caso do lecer nocturno que practicamente estivo pechado todo o ano e que rolda o 100%”.
Pérez engade que “na enquisa realizada nos últimos días consultamos respecto a outras cuestións que nos poden dar unha fotografía fixa da situación pola que está a atravesar o empresariado de Ribadeo. Máis do 60% dos negocios tiveron que recorrer algún tipo de axuda ou préstamo, o outro 40% foi tirando de aforros, o cal fará que, se a actual situación se prolonga moito tempo, teñan que recorrer a axudas neste 2021″, afondou.

A MAIOR PARTE DOS COMERCIANTES “REAXUSTOU AS COMPRAS A PROVEDORES”

Outro dato “importante” para Acisa é que “a maior parte, especialmente do comercio, reaxustou as compras a provedores, para reducir custos e así minimizar perdas. Ademais ao redor do 40% dos negocios mantén algún tipo de ERTE ou reducións de xornada laboral. Destaca especialmente o mantemento do emprego, ao peche do 2020 as cifras de despedimentos son moi baixas e esperamos que se poida manter así a situación”. Para o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, “estes datos cremos que falan moi ben da capacidade de resistencia dos nosos negocios, da capacidade de adaptación e da profesionalidade e rigor coa que se xestionan. Non falan tan ben das axudas das Administracións, un punto en común de practicamente todas as respostas que tivemos foi as poucas axudas e o pouco útiles que foron ata o momento”, concretou.

AS PANCHAS XERARON MÁIS DE 300.000 EUROS DE MOVEMENTO ECONÓMICO

Con respecto ás Panchas, no que durou a campaña, os 57.000 euros investidos de fondos públicos (procedentes do Concello de Ribadeo) xeraron máis de 300.000 euros de movemento económico e un volume de máis de 6.500 vendas no comercio e a hostalería locais. “Se analizamos os datos con detemento, é moi destacable a pouca repercusión que tiveron no sector hostaleiro, que recibiu pouco máis do 5% das postas en circulación. No comercio os sectores con maior movemento foron a decoración, a roupa deportiva, a electrónica e os electrodomésticos, as xogueterías e as librerías“, indicou Iriarte.
“O sector da alimentación mantense, máis ou menos estable, e nótase unha baixada máis pronunciada en xoierías, zapaterías, estética e tendas de moda especialmente”. Iriarte destaca que “a campaña das panchas foi moi útil, así nolo estiveron dicindo os nosos socios e socias. Foi un esforzo económico importante por parte do Concello de Ribadeo, o cal agradecemos polo enorme impacto positivo que tivo”, finalizou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...