IniciosociedadeO alcalde de Barreiros culpa á secretaria municipal da concesión de licenzas

O alcalde de Barreiros culpa á secretaria municipal da concesión de licenzas

Fuente Parga afirma que se limitaba a asinar os permisos porque se "fiaba" dos "informes favorables" que emitía a técnica

Publicada o

- Advertisement -

O xuízo contra o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, cinco edís e a arquitecta municipal por prevaricación urbanística comezou este luns en Lugo.

Xulgado do Penal número 2 lucense decidirá se a concesión de 44 licenzas para construír case 3.000 vivendas no municipio ao longo do ano 2006 se axustou a dereito ou se os acusados cometeron irregularidades, como defenden a Fiscalía e Adega.

Na súa declaración, Fuente Parga responsabilizou á anterior secretaria municipal, María Antonia Martínez Barcia, da concesión das licenzas que foron obxecto de denuncia, ao afirmar que dictou para todas “informes favorables“. 

Fuente Parga apelou ao seu “descoñecemento” nas materias “técnica e xurídica” e asegurou que se “fiaba” da secretaria, “que levaba no Concello desde 1992”.

Así, afirmou que se limitaba a asinar as licenzas a partir dos documentos que a traballadora redactaba.

O REXEDOR DECLAROU QUE “EN NINGÚN MOMENTO SE NOS OFRECEU” COÑECER “O CONTIDO DOS INFORMES FAVORABLES”

O rexedor asegurou que, nas xuntas de goberno, “a secretaria tomaba a palabra, dicíanos que o informe era favorable e nós votabamos. En ningún momento se nos ofreceu a posibilidade de coñecer o contido deses documentos“, subliñou.

Fuente Parga mesmo suxeriu que Martínez redactaba os informes con intereses espurios, e aludiu a unha presunta “amizade coas promotoras” da técnica, ou a que supostamente obtivo beneficios económicos.

“NON ENTENDO COMO ESTOU SENTADO NESTE BANCO E NON OUTRA PERSOA”, AFIRMOU O ALCALDE BARREIRENSE

A estratexia da defensa insistiu en culpabilizar á secretaria municipal para eximir de responsabilidade ao rexedor barreirense, que resaltou que “non entende” como está sentado no banco dos acusados “e non outra persoa que é a responsable”.

Os cinco edís acusados –José Manuel Gómez Puente, Lorenzo Penabad Bolaño, María Alina Rodríguez, Eulogio Menéndez e José Rojo– e a arquitecta municipal, Marta Geada, abundaron nesta tese. 

SERVIZOS BÁSICOS

A defensa tamén tentou rebater o argumento do escrito de acusación da Fiscalía, que asegura que as licenzas foron concedidas malia saber que non se poderían executar servizos básicos nas vivendas.

Así, presentou certificacións de Aqualia e Begalsa que indican que desde 2006 2.500 casas tiveron acceso a conexión para enerxía eléctrica, e que neste mesmo intervalo deuse de alta o abastecemento de auga para 2.128.

FISCALÍA

A Fiscalía pide dous anos de cárcere e dez de inhabilitación para Fuente Parga, Gómez Puente, Rodríguez e Menéndez, e seis meses de prisión e sete de inhabilitación para Penabad e Rojo. 

A fiscal adicou a súa intervención a, por unha parte, dilucidar a suposta responsabilidade do alcalde e do equipo de goberno nas irregularidades na concesión de licenzas. 

Por outra banda, tentou demostrar que tanto o rexedor como os edís eran coñecedores da insuficiencia dos servizos que aconsellaba, segundo a Fiscalía, non conceder os permisos.

A fiscal preguntou ao alcalde polo convenio asinado cos promotores para a mellora e ampliación da rede de abastecemento

A Fiscalía preguntou ao rexedor por un convenio asinado con promotores no 2006 para mellorar e ampliar o sistema de abastecemento no municipio.

Fuente Parga argumentou que as actuacións que se contemplaban eran “menores” e que dito acordo non presupuña unha carencia de servizos.

A fiscal inquiriu ao rexedor sobre un suposto compromiso para conceder licenzas a cambio de que os empresarios financiasen dito proxecto de mellora e ampliación, un pacto que Fuente Parga calificou como “falso”.

ACUSACIÓN PARTICULAR

Montserrat Calvo, avogada de Adega, que exerce a acusación particular, interrogou ao rexedor sobre os motivos da concesión de licenzas. Fuente Parga negou que tivese “intereses persoais” na concesión dos permisos.

fuente parga negou “intereses persoais” na concesión das licenzas

O alcalde de Barreiros recoñeceu que era axente do Banco Santander e administrador solidario da sociedade de servizos financieiros Fuente y Parga, S. L..

Sen embargo, negou que esta última empresa estivese relacionada coa xestión de hipotecas de compra-venda.

A letrada preguntou ao rexedor se descoñecía a existencia das denuncias da asociación de veciños de San Bartolo, referidas a unha promoción de vivendas proxectada sobre un regato, das cales os medios de comunicación deron conta.

Fuente Parga contestou que “coñecía as queixas dos veciños” sobre o proxecto, pero que estaba “convencido da legalidade” das licenzas outorgadas.

A avogada de Adega tentou desmontar a tese exposta pola defensa, baseada no “descoñecemento” do alcalde sobre a suposta ilegalidade das licenzas.

Segundo lembrou a avogada de Adega, Augas de Galicia comunicou ao Concello que se abstivera de conceder licenzas de obra na zona, e o organismo hidráulico abrira un expediente sancionador por este motivo a unha promotora.

A avogada de Adega inqueriu ao rexedor sobre as denuncias da Asociación de Veciños de San Bartolo

A acusación preguntou ao alcalde barreirense sobre unha carta coa que o Concello supostamente respostou aos veciños sobre esta cuestión.

Na misiva, da que o alcalde non recoñeceu a autoría, o goberno local negaba que houbese ningún expediente de sanción.

Adega pide unha pena de 44 anos de cárcere, un por cada unha das licenzas outorgadas.

SEN EXPEDIENTES DE CADUCIDADE

Durante o xuízo tamén se puxo de manifesto a vixencia das licenzas outorgadas en 2006.

O rexedor admitiu que, malia que nalgunhas promocións as obras non se executaron aínda, non se abriu ningún expediente de caducidade.

Preguntado pola defensa, o alcalde engadiu que o goberno local non tramitara ningún expediente de caducidade non só para as licenzas de obra en entredito, senón para ningún outro proxecto de construción.

O MÉRCORES, TESTEMUÑAS DA ACUSACIÓN

O vindeiro mércores testificarán as testemuñas da acusación; o xoves, as da defensa, e o día 14 rematará o xuízo coa presentación dos informes e probas periciais correspondentes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...