O Concello de Foz, coa colaboración de ACIA Foz-CCA presentou as xornadas de apoio á hostalería Impulsa Foz, que inclúen premios. As primeiras, desde o 21 ao 24 deste mes, están dedicadas ao chícaro (berberecho), porque este ano non se celebra na vila focense a súa tradicional festa gastronómica dedicada a este marisco.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “para todos aqueles focegos que desfrutan da hostalería local levando á casa a comida preparada polos nosos cociñeiros, en xaneiro e febreiro haberá premio. Semanalmente, farase un sorteo de todos os vales depositados nas furnas dos locais participantes, con dez premios semanais de 50 euros. Consistirán nuns cheques que se poderán canxear tanto nos locais de hostalería como en tendas asociadas de ACIA Foz-CCA”, concretou.
Os establecementos interesados en participar nas xornadas deben dirixirse á asociación de comerciantes local ou á oficina municipal de turismo, situada no Cenima.
Cajoto destaca que o Concello de Foz “é responsable coas medidas sanitarias” e recorda “as restricións adicionais nos horarios de peche que impuxo a Xunta de Galicia, aínda que nestes momentos a incidencia de Covid-19 no concello sexa baixa. En calquera caso, non nos podemos despistar nin relaxar, hai que evitar xuntanzas de non conviventes ou festas particulares, que son realmente un dos principais focos de infección”, matizou.
O alcalde de Foz invita “ao consumo seguro na nosa hostalería. Cremos que esta campaña é moi oportuna, xa que de forma responsable podemos seguir consumindo. Ademais os premios entregados reverterán de novo en establecementos locais, o que permitirá unha pequena axuda a todos os pequenos empresarios e autónomos do sector servizos nun momento tan difícil”.
CALLOS, COCIDO E A COMIDA AFRODISÍACA, OUTROS MANXARES
O calendario é o seguinte:
Do 21 ao 24 de xaneiro: Semana do chícaro.
Do 28 ao 31 de xaneiro: Semana dos callos.
Do 4 a 7 de febreiro: Semana do cocido.
Do 11 a 14 de febreiro: Semana afrodisíaca.
O presidente da ACIA Foz-CCA, José Carlos Paleo, comentou que “o obxectivo é a dinamización e que a norma de aforamento imposta poida completarse e desfrutar na medida de lo posible. Os premios son un detalle para a fidelización dos clientes e apoio nos momentos que vivimos. Son catro semanas recordando as festas gastronómicas e un total 2.000 euros en premios para 40 afortunados”, salientou.