Pechada a venda do Antigo Hospital de Cabanela á Fundación Dignidade por 455.000 euros

A compradora proxecta no inmoble un aloxamento turístico -no terceiro piso- e unha vivenda de inclusión social, no baixo cuberta

Representantes da Fundación Dignidade e do Concello. AXM

Na mañá de hoxe escriturouse na notaría de Mondoñedo a venda do edificio do antigo Hospital de Cabanela á Fundación Educativa e Social Dignidade, segundo confirmou o Concello mindoniense. Deste xeito remata o expediente publicado o 19 de outubro do ano pasado. O edificio foi adxudicado en 455.271,50 euros, o mesmo importe do convenio establecido polo goberno local co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para a adquisición do inmoble, a fin de ubicar nel un centro de menores.

Trátase dun edificio que tivo uso hospitalario na segunda metade do século pasado ata o ano 2003 que cesou a actividade.

A Fundación Educativa e Social Dignidade, segundo concreta o propio Concello, é a empresa que xestiona o centro de día e residencia de menores ubicados nas dúas primeiras plantas do inmoble, e que proxecta na parte que vén de adquirir un aloxamento turístico -no terceiro piso- e unha vivenda de inclusión social -no baixo cuberta-.

No segundo andar ampliarase o espazo da “Minirresidencia Dignidade Mondoñedo“, que segundo destaca o Concello creou 13 empregos“. O goberno local tamén salienta que o investimento realizado neste proxecto, no axeitamento dos dous primeiros andares, ascende “a 300.000 euros”.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Tras obter un préstamo do IGVS, o goberno local quitou a subasta o edificio entre críticas da oposición. O grupo socialista acusou ao executivo municipal do que entendía como un “auténtico pelotazo” e o BNG pediu a través dunha moción ao Concello que desistise do procedemento, dado que “se incumpriu o prego de condicións” no tocante ao anuncio de licitación, provocando “posibles danos a terceiros interesados”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here