Froilán Pallín, o secretario xeral da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), colectivo que exerce a acusación particular no xuízo por prevaricación urbanística contra o equipo de goberno de Barreiros, asegurou este luns que “isto foi moito máis alá do boom urbanístico, trátase da destrución dun pobo económica e socialmente”.
Adega pide para os acusados penas de cárcere de 44 anos, un por cada unha das licenzas urbanísticas concedidas no 2006 para a construción de 2.966 vivendas no municipio.
“En Barreiros construíuse enriba dos regatos, recoñecidos por Augas de Galicia. Hai falsificación de documentos, xogábase con planos, con alturas, construíase en sitios que non tiñan servizos. Estragouse unha rasa única en Europa”, lamentou Pallín.
O dirixente da agrupación ecoloxista indicou que “no seu momento definimos isto como a Marbella galega, pero é máis cutre. Aquí había ameazas, anónimos, escoitas, a parte dun tráfico de influencias e económico. Ata os proveedores dos cuartos de baño estaban implicados”, proseguiu.
“REINCIDENCIA E ILLAMENTO”
Pallín subliñou que se “arruinou a moita xente” e considera que “ó máis grave de todo é a reincidencia e a forma tan escura e illada de facer as cousas. Mesmo se se deixase edificar libremente en Barreiros, non sería tal a desfeita”, espuxo o voceiro do colectivo ecoloxista.