Este martes comezou na provincia de Lugo a administración da segunda dose da vacina contra a Covid-19. Foi na residencia da terceira idade de Burela foi, ao igual que ocorreu coa primeira parte da vacinación.
Mari Carmen Fernández Pérez, de 85 anos, foi a primeira vacinada na provincia de Lugo. Esta usuaria admitiu ao recibir a primeira dose o “mal” que o estaban a pasar usuarios e traballadores dos xeriátricos e amosouse agradecida “coa ciencia” pola rapidez á hora de atopar un antídoto para o coronavirus.
“PÍDOLLES AOS CONTAXIADOS QUE SEXAN FORTES”
Nesta ocasión, preguntada ao respecto, Fernández referiuse aos infectados, para pedirlles que sexan “fortes” e “loiten”, porque coa vacina “a vitoria está ao alcance da man”.
Segundo concreta o xerente da área sanitaria Lugo-A Mariña-Monforte do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Ramón Ares, “seguindo a mesma cadencia, dos mesmos días, de fai tres semanas, comezamos en Burela. Está previsto que hoxe se vacinen 65 persoas e a partir de mañá imos seguir no resto das residencias da provincia. Uns 2.295 traballadores e usuarios dos xeriátricos recibirán a segunda dose ao longo desta semana“, precisa.
Ares expón que “esperamos ter rematado a principios de febreiro -entre os días 2 e 3- a administración completa aos case 7.000 traballadores e residentes que recibiron a primeira. Poderiamos xa ter daquela vacinada e inmunizada unha poboación de risco tan importante, que maiores padecementos e dificultades tiveron con esta pandemia”, conclúe.