IniciosociedadeMondoñedo, Ribadeo e Viveiro, beneficiarios das axudas do plan de prevención de...

Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, beneficiarios das axudas do plan de prevención de lumes da Deputación

Entre as novidades do programa 'O que non arde' para 2021 estará o apoio para a promoción de actividades silvopastorís

Publicada o

- Advertisement -

Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro beneficiáronse da primeira convocatoria do programa de prevención de lumes “O Que Non Arde” posto en marcha pola Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo para contribuír ao mantemento das faixas de protección contra os incendios nos nosos montes.

A convocatoria contemplaba dúas liñas de axuda para os concellos que cumpriran a lexislación en materia de prevención: a primeira para a limpeza dos laterais das vías municipais, solicitada polo tres concellos, e a segunda para a repoboación das faixas de xestión de biomasa con árbores autóctonas, demandada só no caso do concello de Ribadeo. A  área de Medio Rural investiu máis de 36.000 euros nestas actuacións.

“O plan é un apoio aos concellos que están a cumprir coa lexislación en materia de prevención de incendios, conscientes do esforzo económico que isto lles supón, xa que a Xunta de Galicia descargou nos municipios a responsabilidade de actuaren sen achegar ningún medio ou recurso para que poidan facelo”, expuxo a deputada Mónica Freire.

Os proxectos presentados polos concellos foron estudados por unha comisión técnica, que avaliou tanto a súa calidade técnica como o cumprimento da normativa en materia das obrigas de xestión da biomasa vexetal, prevención e extinción de lumes ou as accións de execución subsidiaria e procedementos sancionadores realizados dende o propio concello.

NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA

A área de Medio Rural traballa xa na segunda edición do programa “O Que Non Arde” para poñela en marcha en 2021 con novas liñas de axudas, segundo avanzou Freire.

“Entre as novidades estará o apoio para a promoción de actividades silvopastorís nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común con gandaría extensiva que contribúan a reducir o risco de lumes pola elevada cantidade de biomasa existente nos nosos montes”, explicou a deputada nacionalista.

Freire expuxo que “desde a posta en marcha do programa recibimos consultas de máis da metade dos concellos da provincia, o que amosa o interese e a necesidade de reforzar esta liña de traballo”. “A casuística detrás dos lumes forestais é complexa, pero resulta evidente que o camiño para atallar esta problemática pasa pola prevención, pola ordenación do territorio e o aproveitamento multifuncional do monte”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...