O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo ascende a 1.273, 63 máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este mércores polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse 104 positivos novos por PCR, de acordo coa mesma fonte.
Dos 1.273 contaxiados, 37 permanecen ingresados (dous menos). O Hospital Público da Mariña atende 19 pacientes con Covid-19, por 16 o HULA -entre eles os oito da área sanitaria que reciben coidados intensivos- e dous o centro hospitalario de Monforte.
No histórico da provincia documéntanse 157 falecementos, 7.318 altas e 8.576 casos acumulados. Fixéronse 143.195 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 1.203 probas.
No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, Viveiro confirmou 266 positivos nos últimos 14 días (un menos). A partir desta medianoite, quedarán paralizadas todas as actividades non esenciais no concello, pechando a hostalería. En Xove, tamén pechado perimetralmente desde finais do pasado mes de decembro, localizáronse 92 casos (15 menos) nese mesmo prazo.
Burela, Cervo e O Vicedo tamén serán illados segundo a decisión da Xunta de Galicia. O municipio burelao conta 47 contaxios novos nas últimas dúas semanas, por 24 o cervense e 21 o vicedense. Ourol contabilizou dez infeccións nese mesmo período, por once Foz e 21 Ribadeo. Os restantes municipios da Mariña están por debaixo dos dez positivos, sendo Lourenzá e Trabada os únicos libres de Covid-19.
RESIDENCIAS
MAIORES
25 Residencia da Pastoriza e apartamentos
2 Residencia de Maiores de Burela
7 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
16 Residencia San Bartolomeu de Xove
TRABALLADORES
23 Residencia da Pastoriza
2 Domusvi Chantada
1 Residencia de Foz
1 Residencia de Monforte de Lemos
5 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
1 Residencia Nosa Señora do Carme de Sarria
1 Meu Fogar de Taboada
1 Residencia de Trabada (falso positivo segundo a Deputación)
2 Residencia Domusvi Viveiro
12 Residencia San Bartolomeu (Xove)