O BNG de Burela solicitou a convocatoria da comisión de seguimento da Covid-19 ante o “avance da terceira onda na Mariña” e o novo peche perimetral do municipio burelao, o cuarto desde o inicio da pandemia.
Segundo o voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado, “o noso concello, entre outros, queda afectado por un peche perimetral, toque de queda de 22.00 a 6.00 horas e restricións de aforo e horarios para a hostalaría e o comercio en xeral, coas consecuencias que isto ten para o tecido socioeconómico, posto que se trata do cuarto peche ó que se enfronta a nosa vila”, lembrou.
Pillado engadiu que “na nosa vila atópase tamén o Hospital Público da Mariña, onde tamén aumentou o número de doentes hospitalizados por Covid-19, algo que nos preocupa, tanto polos casos da propia enfermidade, como tamén polos atrasos que a situación pode xerar noutras patoloxías debido á situación do centro hospitalario”.
Para o BNG, “o Concello de Burela ten que coordinar as solucións” para os “atoamentos” no Hospital. Neste centro hospitalario é tamén onde se levan a cabo as probas PCR de toda a Mariña. O voceiro do BNG continuou dicindo que “estas probas fanse no interior dos vehículos, feito que está a xerar longas colas que colapsan os accesos ao centro e ás rúas mais achegadas. Os intentos por regular o tráfico nos momentos de maior atoamento non deron moito froito e repítense estas circunstancias diario”, lamenta.
Pillado finalizou comentando que “o concello de Burela ten que coordinarse co resto de administracións e autoridades para dar solución a este problema posto que supón un inconvinte tanto para quen ten que pasar a proba PCR como para o resto de veciñanza que precisa acceder ao hospital ou mesmo para o paso de ambulancias”.