Unha muller usuaria da residencia San Bartolomé de Xove foi dada por morta, vítima do coronavirus, tras ser confundida coa compañeira de habitación. Un “erro de identificación” levou a que o pasado 13 de xaneiro se lle notificase o deceso á familia da anciá, mensaxe que non foi emendada ata trece días despois.
O incidente ocorreu no xeriátrico Os Gozos de Pereiro de Aguiar (Ourense), onde a Fundación San Rosendo -xestiona ambos os centros- dispón dunha planta para atender a usuarios de residencias diagnosticados de Covid-19. Ata alí desprazáronse o pasado 29 de decembro un total de once anciáns con coronavirus desde a residencia de Xove.
Estes traslados, explica a Fundación nun comunicado, realizáronse con ambulancias do Hospital de Burela e “co consentimento das familias e as consellerías de Sanidade e Política Social da Xunta”.
Entre os maiores desprazados atopábanse dúas mulleres que tiñan asignadas a mesma habitación e, por “un erro de identificación durante o proceso de traslado”, o 13 de xaneiro notificouse o falecemento dunha delas coa identidade equivocada.
O enterro celebrouse ao día seguinte, pero os protocolos da pandemia obrigaron a que o ataúde permanecese pechado, polo que a familia non puido darse conta do erro, segundo informan a Europa Press fontes municipais.
Todo se descubriu cando este sábado pola mañá, 24 de xaneiro, a muller que deran por morta volveu ser trasladada de Pereiro de Aguiar ao xeriátrico de Xove, logo de que recibira a alta da Covid-19.
NOTIFICACIÓN AOS XULGADOS
Por mor deste suceso, a Fundación San Rosendo lamenta “profundamente o desafortunado incidente” e informa de que, tras coñecer o erro, “procedeu inmediatamente a informar as familias” e a enviar un escrito aos xulgados de Ourense e Viveiro para advertir dos feitos e iniciar os trámites para “reparalos”.
Ademais, esta entidade asegura que “reforzou as medidas de control e seguimento dos usuarios que se trasladen dunha residencia a outra”, mentres que “incorporou unha identificación máis visual” cando as persoas son desprazadas.
“A pesar da gravidade destes, que non teñen precedente, a Fundación quere transmitir ás familias unha mensaxe de tranquilidade e confianza. Este é un feito puntual, de entre os máis de 100 traslados que se realizaron desde o pasado mes de decembro a Os Gozos”, conclúe o comunicado.