O Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) anunciou que se presentou candidatura para a xunta directiva da agrupación de comerciantes, despois da demisión da anterior por mor do desacordo sobre a celebración dunha campaña durante o anterior peche perimetral da cidade.
A composición da mesma será: como presidenta Susana Larrañaga (de Grafity); vicepresidente, Alberto García (de Futures); secretario, Iván Fernández (de Mesón O Recuncho); tesoureira, Nuria Corral (de iAsesoria) e vogal, Rosario Canoura (de Óptica Rosario).
Esta xunta “está formada por representantes de distintos sectores, comercio, hostalaría e servizos. Os novos membros tratan de dar continuidade á única asociación de comerciantes que existe no centro de Viveiro, e os seus obxectivos iniciais pasan por seguir ca boa labor que se viña realizando para tratar de dinamizar o sector comercial”, expón o CCHV.
De acordo coa mesma fonte, “cobrará maior relevancia e competencias a figura da xerencia para a xestión da oficina e propoñen un funcionamento asembleario para o resto de actuacións”.
Según indica a xerente do CCHV, “nos tempos que nos toca vivir, só un comercio unido e comprometido poderá seguir sendo punteiro na comarca e dende a asociación seguirase traballando por mellorar o atractivo comercial e o poder de atracción da zona, lanzando novas promocións e servizos tanto para clientes como para negocios asociados”.