O Concello de Viveiro convocará neste 2021 un desfile dixital de disfraces a fin de manter viva a tradición do Entroido no municipio e na comarca da Mariña.
Baixo o lema ‘Entroido na casa, verán na praza? (Fagámolo posible)‘, o goberno municipal de Viveiro convida á veciñanza a participar subindo un vídeo co seu disfrace a www.viveiroentroido.com.
O concurso dividirase en dúas categorías xerais, infantil e adulto, con tres subcategorías por cada unha: individual, parella e grupo. Haberá tres premios para gastar no comercio local de Viveiro (primeiro, segundo e terceiro) por cada subcategoría, e ademais premiaranse o disfrace máis divertido e mailo máis orixinal. Nestes dous últimos casos, decidirá o certame o voto da veciñanza, mentres que nos anteriores será un xurado quen elixa os gañadores.
A votación do disfrace máis divertido e mailo máis orixinal farase igualmente a través da aplicación web viveiroentroido.com. O Concello informará da apertura do prazo.
QUEDARÁ FÓRA QUEN INCUMPRA A NORMATIVA SANITARIA
O Concello concreta que, no tocante aos premios aos mellores grupos, será eliminada do concurso calquera agrupación participante que incumpra as medidas decretadas para conter o coronavirus. Deste xeito, de gravar unha peza no mesmo espazo, as persoas deberán ser necesariamente conviventes.
Outra posibilidade é que, no tocante aos grupos interesados en participar con varios membros de unidades familiares diferentes, graven cada núcleo desde a súa vivenda unha parte do vídeo para finalmente unilas todas e entregar unha peza audiovisual común, ben cun fío condutor -se hai algún tipo de ‘performance’- ou ben cunha homoxeneidade na temática do disfrace. O goberno local fai fincapé en que quen non atenda a normativa sanitaria non poderá participar.
UNHA PROPOSTA DIFERENTE PARA “MANTER A TRADICIÓN”
“Trátase dunha iniciativa para non perder a tradición, para manter vivo algo tan noso como o Antroido a pesar de todas as complicacións”, precisa a concelleira de Cultura, Lara Fernández, que avanza que “a finais do mes que vén avanzaranse as datas nas que se poderá participar”.
As datas para subir os vídeos así como as das votacións, as contías dos premios ou as características dos videos participantes serán comunicadas en breve a través da publicación das bases.
“A situación epidemiolóxica impide a celebración do tradicional desfile de disfraces e carrozas, pero o entroido de Viveiro é unha das citas do ano e non queremos perdela, necesitamos ademais motivos para sorrir e pasar un bo rato”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.