O paso da borrasca ‘Justine’ por Galicia deixou refachos superiores aos 120 quilómetros nalgúns puntos da costa da Mariña, onde este sábado está activa a alerta vermella por ondada.
Segundo os datos de Meteogalicia, os refachos máximos rexistráronse en Viveiro e Cedeira, nas estacións de Penedo do Galo e Punta Candieira, con ventos que superaron os 124 e os 122 quilómetros por hora, respectivamente.
Estas cifras superáronse nas estacións situadas por enriba dos 900 metros de altura, especialmente no Xistral, en Muras, onde se rexistrou un refacho máximo por enriba dos 140 quilómetros por hora. No entanto, a borrasca non deixou incidencias de gravidade no territorio galego.