Algo máis dun ano despois de anunciarse o novo servizo nunha rolda de prensa, o centro de saúde de Burela conta nestes momentos cun equipo de quenda de tarde minguado, que só ofrece consultas dous días á semana ao non contar cun médico a tempo completo para o cupo de pacientes que escolleron esta modalidade.
O centro de saúde de Burela conta cun servizo de mañá de 8.00 a 15.00 horas, ao que no pasado mes de febreiro se incorporou un equipo –médico, enfermeiro e persoal de servizos xerais (PSX)– que cubriu a quenda de tarde, de luns a venres ata as 21.00 horas. Deste xeito pretendíase favorecer a compatibilización de cuestións laborais ou a conciliación familiar.
Logo de que un dos dous facultativos do horario matinal precisase a baixa, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) cubriu a súa ausencia coa persoa que atendía na quenda vespertina. Deste xeito, mentres non se contrate un especialista en medicina de familia, polas tardes só se ofrecen consultas dous días á semana. Usuarios do cupo de tarde queixáronse de que non foron informados sobre esta situación, lamentando a perda de días de citas e tamén a falta de continuidade no tocante ao profesional que os atende.
Preguntadas ao respecto, fontes do Sergas aseguran que o servizo “seguirá igual“, atribuíndo esta situación “á dificultade de atopar substitutos pola escaseza de profesionais”.