O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anunciou este mércores un plan de impulso e recuperación económica á hostalería e comercio locais tras unha reunión mantida no consistorio coa Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia) e con portavoces e empresarios do sector da restauración.
Cajoto explica que “á falta de concreción da aportación municipal nas axudas directas que instancias superiores como a Deputación de Lugo están promovendo para o sector da hostalería e outros, ao que se incorporará o Concello de Foz, o equipo de goberno presenta un plan de impulso e axuda á hostalería e comercio local, cun custo real de máis de 150.000 euros, o 2% do orzamento municipal”.
Segundo concreta o goberno local nun comunicado, as medidas que se implantarán son as seguintes: en primeiro lugar, derrogación da taxa de ocupación de terrazas durante o período dun ano. Ampliarase a medida de exención durante os ceses obrigados de actividade promulgados polo Estado Central e a Xunta de Galicia, establecendo durante o período dun ano a eliminación do cobro de taxas ata a aprobación dunha nova ordenanza actualizada.
O executivo municipal cre que a derrogación da taxa “é a solución legal máis inmediata e áxil”, dada “a situación económica do tecido local” e “xa que o concepto supresión temporal suporía un caso de desviación de poder da administración local segundo a asesoría xurídica municipal”. A tramitación da derrogación iniciase “de forma inmediata, respectando os prazos legais co compromiso do Concello de eliminar o cobro durante un ano”.
REUNIÓN CO TECIDO PRODUTIVO
A edil de Facenda e Tenente de Alcalde, Inés López Couto, asevera que “nas conversacións coa Acia, a APEHL e profesionais do sector fomos moi honestos. Aos períodos obrigados de peche decretados polo Estado e a Xunta de Galicia respondemos de forma áxil, cun decreto para evitar o pago de ocupación por terrazas e a recollida de lixo. Sen embargo este decreto non se puido facer extensivo máis alá do peche obrigado dos establecementos: en canto se levanta o peche o establecemento xa pode exercer a actividade económica, independentemente das limitacións. Pero isto non era suficiente e por iso seguimos traballando”, remarca.
Dos 150.000 euros, dotarase con 22.000 o Plan Impulsa Foz, que “continúa e amplía as iniciativas comezadas no 2020. Faranse campañas de promoción da hostalería e comercio locais, incidindo no consumo de proximidade e na recuperación da actividade económica local”, indica.
“Estes eventos concretaranse en diferentes campañas promocionais que poderán incluír agasallos, vales e tickets regalo para o consumo local e promocións audiovisuais de todo tipo para a difusión de Foz como centro comercial aberto”, salienta o Concello.
A ACHEGA AO COLECTIVO DE COMERCIANTES ALCANZARÁ OS 30.000 EUROS
Ademais, incrementarase o apoio económico á Acia, que se considera “o ente máis próximo a todos os hostaleiros, comerciantes e tecido produtivo de Foz”. Así, “duplicarase a subvención municipal a esta asociación para que os recursos cheguen de forma moito máis áxil a todos os interesados. A consignación do ano 2020 de 15.000 euros aportados polo Concello resultará de 30.000 euros no 2021“, concreta o executivo local.
Finalmente, destinaranse 80.000 euros a unha nova edición de Cultura na Rúa, “creando novos contidos de acceso libre financiados integramente polo Concello de Foz”. Consistirá “nun plan de eventos musicais seguros e repartidos en distintas ubicacións do pobo, de forma independente ás festas e á programación habitual do Concello. Organizaranse novos eventos respectando a situación sanitaria en cada momento en substitución daqueles realizados en outros anos e que pola pandemia non se poidan levar a cabo”, concreta Cajoto, coa intención de que a vila “sexa a mellor opción da Mariña”.
Finalmente, o Concello de Foz incorporarase ao Plan de Rescate da Hostalería da Deputación de Lugo e a FEGAMP.
ANUNCIA TAMÉN UN INCREMENTO DAS PARTIDAS PARA INFRAESTRUTURAS DO NÚCLEO E DAS PARROQUIAS
“En agarda das medidas que se implanten desde as administracións superiores e como membros da FEGAMP, o Concello de Foz incorporarase ás axudas que se establezan para paliar os efectos da crise pandémica no sector. En previsión da necesidade de aportar fondos ao Plan o goberno local quedará á disposición do que determinen as administracións superiores e a FEGAMP”, expón o goberno focego.
Ao mesmo tempo que as medidas antes descritas, o Concello “continúa co seu plan de investimento en infraestruturas do núcleo urbano e as parroquias. A falta de mantemento dos últimos anos desembocou nun deterioro da imaxe do pobo que estamos traballando para reverter. Deste xeito incrementaranse as partidas de investimento financiadas con fondos propios. Queremos un Foz coidado, atractivo para visitar e cómodo para vivir pois cremos firmemente que esa é a mellor das vantaxes competitivas que lle podemos dar aos negocios locais. A nosa finalidade é que estas medidas sexan efectivas e o máis sinxelas posible: estamos a ver que os trámites burocráticos fan pouco viables determinadas disposicións doutras administracións. E iremos reaxustando as actuacións en vista da súa efectividade”, engade Cajoto.
O REXEDOR CARGA CONTRA A XUNTA: “OS CONCELLOS ESTAMOS SÓS”
O rexedor municipal explica que “son momentos difíciles, moi duros. Non é de recibo decretar de forma unilateral o peche dun negocio e non aportar unha solución de viabilidade: iso é o que está acontecendo en Foz e en toda Galicia, iso é o que están a facer desde Santiago unha vez máis”, apunta.
“De novo, como acontece sempre, estanos tocando reaccionar aos Concellos, por encima incluso das nosas posibilidades. No artigo 30 do Estatuto de Autonomía márcase ben claro que será competencia da Xunta de Galicia o Fomento e a planificación da actividade económica, así como o desenvolvemento e execución de programas de actuación referidos a comarcas deprimidas ou en crise. Estamos sós”, lamenta Cajoto.
O alcalde carga contra o voceiro local do Partido Popular, Javier Castiñeira. “Nun exercicio de inconsistencia crónica opta por falsear a realidade, confundir competencias, restar e poñer trabas en plena crise pandémica. Outra vez, e van unhas cantas”, argumenta.
“Esperamos que o Partido Popular de Foz se sume ás iniciativas e esixa o mesmo esforzo económico ás outras administracións, especialmente a aquela que ten as competencias na materia”, remata Cajoto.
O PP ACUSA A CAJOTO DE “IMPROVISAR” E PIDE “UN PLAN CONSENSUADO COA OPOSICIÓN”
O PP focego emitiu un comunicado na tarde do mércores no que asevera que o Concello “funciona a golpe de impulsos; hai dous días enfrontábase aos hostaleiros aos que porfiaba, e hoxe cambia de parecer despois de escoitar que o Partido Popular presentaría unha moción de urxencia cun plan de reactivación municipal”, afirma.
Castiñeira pediu a Cajoto “que se deixe de propaganda 2.0 e sexa máis dilixente e formal cos que pagan impostos”, reclamándolle “un plan serio e consensuado coa corporación municipal“.
“Non sabemos aínda por que enganou o ano pasado coas taxas de ocupación aos hostaleiros que se viron obrigados a denunciar as súas mentiras publicamente; non é de recibo anunciar que vai eliminar as taxas de terrazas das semanas de peche obrigado porque xa non se iban ocupar”, xulgou o voceiro do grupo conservador.
“Esta sucesión de improvisacións deixa moitas preguntas no aire: por que non fixo estas medidas antes? Por que mantén fora destes acordos ao resto de grupos da corporación incluído os seus socios de goberno do BNG?”, inquiriu Castiñeira, que tachou a xestión do Concello de “individualista”, “sen previsión nin traballo en equipo”. O PP manterá a moción de urxencia para solicitar “máis compromiso” do Concello “para axudar a saír da crise ao noso tecido productivo”.