O xuízo contra o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, cinco edís do equipo de goberno de 2006 e a arquitecta municipal por prevaricación urbanística continuou este mércores en Lugo.
Trala declaración dos acusados, o pasado luns, este mércores foi a quenda das testemuñas citadas pola Fiscalía e pola asociación ecoloxista Adega, persoada como acusación particular.
SECRETARIA MUNICIPAL
Unha das testemuñas que declarou este mércores foi a técnica que exercía como secretaria municipal de Barreiros no 2006.
Ao longo dese ano, a xunta de goberno barreirense concedeu 44 licenzas urbanísticas para a construción dunhas 3.000 vivendas. Segundo a Fiscalía e Adega, os acusados concederon os permisos de forma irregular.
A declaración da secretaria municipal presumíase chave, dado que os acusados coincidiron en culpala da concesión das licenzas.
A técnica asegurou que en xaneiro de 2006 mantivo unha xuntanza de carácter informal con varios dos acusados nas que advertiu da entrada en vigor dunha disposición transitoria da Lei do Solo.
a secretaria municipal fala dunha reunión informal na que explicou a nova normativa e os edís negan a xuntanza
Nesa reunión, segundo a súa versión, a testemuña fixo fincapé na catalogación dos terreos como solo urbán consolidado e solo urbán non consolidado.
Así, explicou, espúxolles a varios edís e ao fontaneiro que traballaba para o Concello as súas dúbidas de que algunhas das zonas nas que se pretendía edificar cumprisen coa normativa.
Os acusados negaron o pasado luns que se producise esta xuntanza, da que non se levantou acta.
os informes para a concesión de licenzas eran requeridos poucos días antes da súa aprobación
A técnica tamén afirmou que en ocasións se lle requería para elaborar un informe para a concesión da licenzas uns días antes ou o mesmo día da súa aprobación, e que advertía ao equipo de goberno de que a ausencia dun informe xurídico podería significar a nulabilidade do permiso.
A secretaria municipal, que ten aberto un procedemento penal por este tema, aclarou que a Fiscalía solicitou finalmente a súa absolución e que unicamente fica como acusación particular contra ela o Concello de Barreiros.
RESPONSABLE DA APLU
Outra das testemuñas, a través de videoconferencia, foi a xefa da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) en Lugo e Ourense naquel 2006.
A dirixente da Aplu afirmou que “a fotografía aérea” demostraba que os terreos nos que se permitiu construír “non pertencían á malla urbana” e non cumprían cos requisitos que demandaba a lei para ser catalogados como solo urbán consolidado, algo do que “calquera podía darse conta“.
“voltaba coas catiuscas cheas de excrementos de animais”, explicou a xefe da aplu das visitas ás zonas onde se edificou
Neste senso, explicou que en sucesivas visitas realizadas a Barreiros durante os anos 2008 e 2009 constatou que algunhas construcións estaban en “terreos rurais. Voltaba coas catiuscas cheas de excrementos de animais“, precisou.
Respecto da arquitecta municipal, a testemuña asegurou que “informaba favorablemente” das promocións malia que recoñecía a necesidade de “modificar determinados proxectos de construción para adaptalos á legalidade“.
VECIÑOS DE SAN BARTOLO
O presidente da asociación de veciños de San Bartolo, que mantivo unha posición belixerante contra o proxecto urbanístico do Concello, foi outro dos declarantes.
O pasado luns, a defensa presentou certificacións de Aqualia e Begalsa que indican que desde 2006 2.500 casas tiveron acceso a conexión para enerxía eléctrica, e que neste mesmo intervalo deuse de alta o abastecemento de auga para 2.128.
Preguntado sobre unha suposta suficiencia de servizos, o dirixente do colectivo asegurou que en verán, cando se multiplica o número de habitantes de Barreiros porque se fai uso das segundas residencias, San Bartolo sofre cortes de luz e problemas no abastecemento de auga polo aumento da demanda que supoñen as urbanizacións cercanas.
o presidente da agrupación veciñal de san bartolo asegurou que informou ao alcalde de que se ía construír sobre un regato
O presidente da asociación de San Bartolo afirmou que se lle comunicou ao alcalde de Barreiros a utilización de terreos de propiedade municipal para proxectar edificios, e mesmo que se construíu sobre un regato.
Segundo a testemuña, o alcalde non abriu en ningún momento o correspondente expediente de investigación da ocupación denunciada polos veciños.
A agrupación veciñal barreirense optou por abrir un expediente no Catastro, pero finalmente non se decidiu a cursar unha causa por este motivo.
XOVES
Para este xoves, desde as 9.00 horas, quedou pendente a declaración dun técnico da Aplu citado polas acusacións.
A continuación, declararán as testemuñas das defensas. Testificarán varios promotores e o fontaneiro municipal.
Para o día 14 queda a presentación dos informes periciais e probas.