Mondoñedo aprobará un novo plan de axuda a pemes e autónomos, coa supresión da taxa de terrazas

O proxecto conta co consenso das forzas políticas e da asociación de comerciantes, segundo resaltou o Concello

Consistorio de Mondoñedo. AXM

O Concello de Mondoñedo aprobará este venres o segundo plan de axudas a pemes e autónomos para contribuír ao financiamento de gastos vencellados á adopción de medidas preventivas contra á covid-19, un proxecto que, segundo expuxo o goberno local a través dun comunicado, “conta coa unanimidade da comisión informativa despois de ser abordado nunha mesa de traballo con todas as forzas políticas e con representantes da Aciam“.

O goberno local “iniciou determinadas accións coa finalidade de contribuír a paliar os danos que sufriron estes sectores e evitar o peche da actividade dos negocios ubicados no termo municipal de Mondoñedo como consecuencia do cumprimento das medidas preventivas establecidas pola lexislación vixente en materia da Covid-19. Pon así en práctica o compromiso adquirido en canto á aplicación de medidas para axudar aos sectores produtivos a afrontar a crise económica derivada da pandemia”, expón o executivo municipal.

Dende o Concello manifestan: “Pretendemos axudar aos negocios que tiveron que investir en obras ou afrontar outros gastos como consecuencia da adopción de medidas establecidas pola normativa sanitaria en materia da covid-19 como pode ser o gasto en material de protección”. Este plan pretende “protexer aos negocios que ven máis afectada a súa actividade económica polo cumprimento da normativa sanitaria” e con ese obxectivo, o Concello trata de axilizar os trámites para que “as axudas cheguen canto antes ao tecido económico local”.

REQUISITOS

A intención é “atender a totalidade das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos regulados nas súas bases”, indica o executivo municipal. Entre eles establecen que as pemes e autónomos deben ter domicilio social e centro de traballo ubicado no termo municipal de Mondoñedo; desenvolver unha actividade que non teña a condición de actividade esencial; ver reducido o seu horario de apertura ao público e reducido o seu aforo máximo alomenos durante tres meses; cumprir coas súas obrigas fiscais e manter a prestación da actividade e, no seu caso, o centro de traballo, a lo menos, durante a totalidade do ano 2021″, concreta.

Así, “subvencionarase a adquisición de hidroxeles, cun importe máximo subvencionable de 300 euros por beneficiario; non obstante, dita contía elevarase a 500 euros para as actividades que tiveron que pechar como consecuencia das medidas adoptadas na orde publicada no DOG do 26 de xaneiro de 2021. Tamén será subvencionable a adquisición ou arrendamento de mamparas e demais investimentos para conseguir o distanciamento social. Non será subvencionable a instalación de carpas ou toldos”, concreta o Concello.

O importe da subvención acadará ata o 80% da base impoñible do investimento acreditado, sen que a subvención poida exceder de 3.000 euros por beneficiario. As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica do Concello de Mondoñedo ata o 28 de febreiro.

Ademais, o proxecto contempla a exención das taxas da auga e do lixo e supresión da taxa de terrazas. Ademais do programa de axudas directas, o Concello adoptará outras medidas complementarias no eido tributario e dentro do estreito marxe normativo do que dispón o Concello, tales coma a suspensión da obriga de contribuír por determinados servizos.

NON SE COBRARÁ O PRIMEIRO BIMESTRE DE AUGA E LIXO

Deste xeito, no pleno municipal deste venres abordarase a exención extraordinaria para o primeiro bimestre do 2021 de varias taxas -prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo, abastecemento domiciliario de auga potable e evacuación de augas residuais- aos titulares de locais afectados polo peche de actividades previsto na orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 16-Bis. Martes, 26 de xaneiro de 2021). O Concello non pasará entón o cobro do primeiro bimestre de auga e lixo que se cobraría agora a mediados de febreiro.

A proposta recolle a suspensión da vixencia da taxa pola ocupación do dominio público para a colocación de terrazas na vía pública durante o ano 2021. Xa foi eliminada a taxa das terrazas no 2020 e vólvese facer para o 2021.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here