O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 1.767, 96 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse 50 positivos novos por PCR.
Dos 1.767 contaxiados, 97 permanecen ingresados (29 en coidados intensivos). O Hospital Público da Mariña atende oito pacientes con Covid-19 (dous na unidade de críticos), mentres que o HULA coida de 60 (27 na Uci) e o centro hospitalario de Monforte de 19, todos en planta.
No histórico da provincia documéntanse 182 falecidos, tras notificar na tarde de onte dúas mortes máis de pacientes que foran diagnosticados por coronavirus, 8.960 altas e 10.915 casos acumulados. Fixéronse 168.846 probas PCR.
No que atinxe á evolución epidemiolóxica por municipios, en Viveiro confirmáronse 75 positivos novos nos últimos 14 días, por 16 en Xove e 20 no Vicedo. En Cervo localizáronse once contaxios no mesmo período, por 23 en Burela, outros once en Foz e 19 en Ribadeo. Os restantes municipios da Mariña sitúanse por debaixo dos dez casos nas últimas dúas semanas, sendo Barreiros o único libre de Covid-19.