IniciosociedadeO Goberno compromete un terceiro acceso ao núcleo de Foz a través...

O Goberno compromete un terceiro acceso ao núcleo de Foz a través da N-642

O delegado do Executivo en Galicia asegura ao alcalde que en breve "está previsto abordar o deseño e o posible financiamento" da obra

Publicada o

- Advertisement -

O delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, comprometeu este mércores ao alcalde de Foz, Francisco Cajoto, o impulso do Executivo ao terceiro acceso ao núcleo urbano da localidade, en concreto a través da estrada N-642. Fíxoo durante un encontro de traballo co rexedor a través de videoconferencia.

Losada detallou ao alcalde que o acceso ao núcleo urbano de Foz está actualmente “en fase de estudo. Está previsto abordar a actuación, o deseño e o posible financiamento nun próximo encontro de carácter técnico entre o Executivo, o propio rexedor, a Demarcación de Estradas do Estado e a Unidade de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana”, concreta o Executivo central nun comunicado.

Segundo a proposta inicial dos socialistas focegos, formulada na pasada campaña electoral municipal co obxectivo de liberar o tráfico no casco urbano, realizaríase unha rotonda sobre a N-642 na Veiga da Sara, que enlazaría co Bispo Santo e o barrio de Marzán a través da estrada LU-P-2009.

A glorieta suporía o punto de partida dunha avenida de 600 metros de lonxitude, que uniría, pola zona do Castro e do Pico do Castro, a variante coa Rúa do Cemiterio, que precisa dun arranxo completo e beirarrúas en toda a súa lonxitude. O proxecto finalizaría cunha nova rotonda, desta volta en Pico do Castro, que daría acceso a Marzán e Álvaro Cunqueiro a través da Rúa do Cemiterio. O Goberno central decidirá sobre a proposta inicial e definirá cales son as actuacións a realizar.

UNHA GLORIETA NA CORREDOIRA, “EN ESTUDO”

Na nota, o Goberno central expón que tamén está “en estudo” crear “unha glorieta na Corredoira, no cruzamento entre as estradas N-642 e LU-152“.

A reunión serviu, en palabras de Losada, para abordar as “prioridades en materia de infraestruturas e medio ambiente” do municipio de Foz. “Entre elas está tamén o carril bici Rapadoira-Peizás e a adecuación da praia Rapadoira-Llás, cun orzamento de licitación de case 460.000 euros, pendente da aprobación definitiva”, concretou.

O delegado do Goberno comprometeuse co alcalde a trasladar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica as cuestións desta área, “que inclúen tamén a obtención de espazos para uso público e a execución dun carreiro peatonal entre as praias de Peizás e Pampillosa. Conta cun orzamento próximo aos 16.000 euros e ten previstos avances en materia de execución en marzo”, conclúe o Executivo.

AS ROTONDAS DE CANGAS, TEMA PENDENTE

“A nosa primeira reivindicación foi sempre ese terceiro acceso, no que seguimos traballando e do que esperamos que haxa froitos. Hoxe presentamos a nosa proposta, que pensamos que é boa porque non habería que facer ningunha infraestrutura, o que reduciría ao gasto, ao delegado do Goberno. A intención é definila e que se consigne e que se faga, aínda que non nos compete a decisión sobre a obra a acometer. Eles marcarán a axenda e nós poñeremos a máxima disposición”, indicou Cajoto.

“Tamén solicitamos un empurrón para as rotondas de Cangas de Foz, co proxecto redactado pero que están pendentes. É unha necesidade, cun cruzamento moi perigoso á altura do centro social. Hai risco de accidente para os coches e tamén a xente cruza aí a pé”, expuxo o rexedor.

Ademais, tratáronse “algúns proxectos dependentes de Costas, de paseos marítimos, coas expropiacións xa executadas, e que darían impulso a ese gran paseo que temos bordeando o noso litoral. Agradezo a atención e o tono construtivo”, expuxo Cajoto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...