IniciosociedadeLevan á Fiscalía o caso dunha usuaria da residencia de Ribadeo non...

Levan á Fiscalía o caso dunha usuaria da residencia de Ribadeo non vacinada ao impedilo un familiar

Esta persoa, illada xunto á compañeira de habitación, deu negativo nunha segunda proba tras un primeiro resultado positivo en Covid-19

Publicada o

- Advertisement -

A Deputación de Lugo informou nun comunicado que comunicou á Fiscalía a situación dunha usuaria da residencia de Ribadeo que resultou positiva nunha primeira proba de Covid-19 por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero que deu negativo nunha segunda análise realizada polo goberno provincial; esta persoa foi a única do centro de maiores que non completou o proceso de vacinación “por expreso desexo dun familiar”, expón o executivo de San Marcos.

Segundo explica a Deputación, “o cribado periódico realizado polo Sergas na residencia de Ribadeo arroxou este mércores un positivo entre as persoas usuarias, momento no que se procedeu a illar a esta persoa e á súa acompañante de habitación”. Deste xeito, “hoxe mesmo”, expón na nota, o goberno provincial “realizou probas de diagnose con recursos propios, tanto a esta persoa, como á súa acompañante de habitación e aos usuarios e traballadores que tiveron un contacto estreito con ela, co obxectivo de corroborar o resultado, dada a elevada posibilidade de tratarse dun falso positivo, tendo en conta que todos os demais residentes deran negativo”.

O GOBERNO PROVINCIAL SOLICITOU UNHA SEGUNDA PROBA

O executivo provincial lembra que na residencia de Ribadeo “non se reciben visitas, nin os usuarios saen o exterior, como medida de prevención da Covid-19”. Así, realizadas as probas con autorización da Xunta de Galicia, “todas deron negativo”, polo que a Deputación conclúe que se trata “dun falso positivo”. En todo caso, concreta, “solicitóuselle ao Sergas a realización dunha segunda proba PCR. Ata obter o resultado, esta persoa e a súa acompañante de habitación continuarán illadas como medida de precaución”, precisa.

A Deputación engade que “toda a comunidade do centro de atención a maiores de Ribadeo completou a pauta de vacinación da Covid-19, excepto esta persoa usuaria que resultou ser un falso positivo, quen non puido ser vacinada por desexo expreso dun familiar”, un feito que a institución provincial “xa puxo en coñecemento da Fiscalía. Sendo a vontade da institución protexer á totalidade dos residentes e persoal do centro, reiterará de novo a comunicación ao Ministerio Fiscal para que a autoridade xudicial decida o que corresponda con respecto á súa vacinación”, finaliza.

SUÁREZ BARCIA: “É UN RISCO MOI IMPORTANTE”

O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, agarda que o centro de atención a persoas maiores siga libre do Covid-19 e que a única usuaria que non foi vacinada “reciba as doses canto antes”.

O rexedor subliñou que “non administrarlle a vacina a esta persoa supón un risco moi importante para ela e un perigo para os demais usuarios e usuarias da residencia ribadense, que ata o de agora estivo libre de covid-19 e agardamos que así continúe”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...