IniciosociedadeRibadeo non cobrará á hostalería as taxas do lixo, auga e saneamento...

Ribadeo non cobrará á hostalería as taxas do lixo, auga e saneamento ata que se levanten as restricións

O Concello exime aos empresarios destes impostos desde o pasado 26 de xaneiro, cando a Xunta decretou a paralización da actividade

Publicada o

- Advertisement -

O concelleiro de Economía de Ribadeo, Pablo Vizoso, anunciou esta mañá que o Concello aprobou un decreto polo que se exime aos locais de hostalería e de restauración das taxas de recollida do lixo, de subministro de auga e saneamento desde o pasado 26 de xaneiro e ata o momento no que se produza o levantamento das suspensións de actividade impostas pola Xunta de Galicia.

Vizoso dixo que “para isto, os titulares deberán de presentar unha solicitude previa neste sentido e acompañala da declaración censal ou certificado do IAE da anualidade 2021 e dunha declaración responsable conforme o local estivo pechado durante o período que resulte afectado. Do mesmo xeito, tamén se establece que para o caso de que estas peticións se presenten despois de xa ter pagada a taxa correspondente ao período de pago actual, por parte do Concello procederase á devolución do importe correspondente por esta causa e unha vez presentada polo titular a documentación indicada”, explicou.

EXIMIDO O GRAVAME DE TERRAZAS DURANTE TODO O EXERCICIO

Vizoso indicou que “esta medida súmase á decisión do Concello, xa comunicada hai tempo e así recollida nos orzamentos municipais, de non cobrar pola taxa de ocupación por terrazas durante todo o exercicio 2021. Tamén neste ámbito o pasado 28 de xaneiro aprobouse outro decreto por parte do Concello tendo en conta a necesidade de adaptar as condicións de ocupación de zonas públicas para uso de terrazas de hostalaría e en base aos informes e criterios técnicos da oficina técnica do ARI do Concello”, indicou.

“Entre outras cousas recóllese a suspensión da ordenanza e da taxa de terrazas, e regúlanse aspectos como a superficie de ocupación, un novo período de adaptación do mobiliario das terrazas de dous anos debido á situación excepcional actual, as modalidades de ocupación con posibilidade de calefactar o espazo con estufas ou solucións similares non fixas, ou manter a posibilidade de terrazas en prazas de aparcamento público establecendo as condicións da tarima e dos demais elementos que deben de conformar a terraza. Como é lóxico, estas medidas quedan condicionadas ás normas e ordes establecidas polas autoridades competentes en cada momento”, concluíu.

O PP PIDE CONDOAR O IBI E AXUDAS DIRECTAS AOS NEGOCIOS PECHADOS

Por outra banda, o Partido Popular ribadense levará ao vindeiro pleno unha proposta de medidas “que tamén reivindican dende o tecido económico local” e que recolle a exención extraordinaria da taxa do lixo e da auga; a suspensión da taxa de ocupación do dominio público e do IBI para o ano 2021 aos negocios afectados polas medidas para a contención da covid-19; axudas directas aos negocios pechados ou con perdas de máis do 75%; e un plan urxente de pago a provedores.

O voceiro dos conservadores, Daniel Vega, explica que “os negocios teñen que facer fronte a perdas derivadas dos peches e restricións e outros gastos derivados da adopción de medidas preventivas fronte ao coronavirus” e indica que “outros Concellos xa tomaron medidas en apoio aos sectores máis afectados”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...