IniciosociedadeConcello e PP de Burela polemizan sobre a vacinación das traballadoras do...

Concello e PP de Burela polemizan sobre a vacinación das traballadoras do SAF

Os populares afirman que o municipio non figura no listado de entidades locais que solicitaron a aplicación do antídoto; o executivo municipal di que se tramitou a solicitude "en tempo e forma"

Publicada o

- Advertisement -

Concello de Burela e Partido Popular polemizaron este luns sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a conta tanto da vacinación das profesionais como do custo da prestación.

O PP burelao asegurou que “segundo a información remitida pola FEGAMP ao Sergas este pasado venres, o Concello de Burela non figura na lista de entidades locais que facilitaron o listado de traballadoras deste servizo para a súa vacinación nesta nova fase”.

A concelleira popular Ana Álvarez argumentou que, “de ser certa esta información, o que quedaría demostrado, unha vez máis, é que as verbas pronunciadas pola concelleira socialista delegada desta área, Carmela López, no último pleno, non se corresponden coa realidade dos feitos”.

OS CONSERVADORES CRITICAN O CUSTO DA PRESTACIÓN

“López di que se preocupa moito polas traballadoras desta prestación pero o certo é que o histórico é claro, os socialistas estiveron prestando este servizo co contrato vencido durante máis de dous anos, agora sácano a concurso cun custe por hora un 20% por riba doutros concellos da nosa contorna co gallo de que case todo se vai en salarios, coma se no resto de concellos non se lles fora pagar ás traballadoras un salario digno”, expuxo Álvarez, que sostén que o executivo municipal “tivo ás traballadoras do SAF, dependentes do Concello, sen actualizarlles a suba aprobada por lei a principios do ano pasado durante case que oito meses e agora atrévense a falar da dignidade salarial”.

Álvarez destaca que “para que as traballadoras do SAF podan cobrar un salario digno, o primeiro que hai que facer é aboar en tempo e forma as facturas presentadas pola empresa concesionaria do mesmo, e non amontoalas nun caixón como parece que sucedeu a finais do ano 2019 no que se lle chegaron a deber ata tres facturacións á empresa que ata o de agora está a prestar o servizo”.

“Polo que se ve, é moi fácil para os socialistas falar perante os medios e nas sesións plenarias, pero os actos do goberno socialista local contradín as verbas que pronuncian”, conclúe a concelleira dos populares.

A RELACIÓN DE TRABALLADORAS ENVIOUSE “O 9 DE FEBREIRO”

López rexeitou as críticas vertidas desde o Partido Popular e aclarou que o proceso de vacinación das traballadoras do SAF “está en marcha e segue o curso previsto“.

A edil burelá explicou que “o día 2 de febreiro recibimos da FEGAMP un mail solicitando a nosa colaboración para organizar o proceso de vacinación da Covid-19 do persoal do SAF, adxuntando un modelo que se debía remitir antes do 16 de febreiro”.

López dixo que “no mesmo momento, (o e-mail) foi comunicado a todas as traballadoras do SAF, tanto de libre concorrencia como de dependencia, xa que era algo que agardábamos con moita ansia e do que levamos tempo interesándonos e pendentes”.

A concelleira de Servizos Sociais burelá concretou que “o día 9 de febreiro envíase o listado á FEGAMP, cun total de 24 traballadoras, que previamente asinaron ademais un documento de consentimento para recibir a vacina. Recibimos a confirmación, que nos informa de que o día 11 de febreiro envía dito listado ao Sergas e queda tramitado. O trámite fíxose en tempo e forma. Antes de facer unha nota de prensa faltando á verdade, deberían informarse ben”, zanxou.

López sinalou que “eu son nova nisto da política, pero teño claro que se continúo, cando me toque estar do outro lado, farei unha oposición totalmente distinta á que está exercendo o grupo popular”.

Concluíu a concelleira socialista que “despois dun ano á fronte dos Servizos Sociais do Concello de Burela e cun equipo de traballo exemplar, o funcionamento do servizo é o que nos avala e as notas de prensa deste tipo non o van ensuciar”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...