O PP pide “actuacións preventivas” no PAI de Lourenzá ante as caídas “periódicas” de chapas do edificio

Os conservadores alertan de que os paneis caen por mor do vento e supoñen "un perigo", polo que esixen "garantir a seguridade dos peóns e usuarios"

Chapa caída no PAI de Lourenzá. AXM

O voceiro do grupo municipal do PP de Lourenzá, Javier Rodríguez, pide ao goberno local, como “medida preventiva”, a “retirada inmediata” dos paneis que quedan revestindo o edificio municipal da Casa da Xuventude e o Punto de Atención á Infancia (PAI) tralo recente desprendemento dunha das chapas do lateral que rematou por caer na beirarrúa, un problema que se repite “periodicamente. Garantir a seguridade dos veciños, peóns que circulen pola zona e usuarios do PAI é o prioritario; mentres non se chegue a realizar a obra de mellora que tanto tempo leva anunciando o goberno local”, expón.

O popular critica a actitude “totalmente pasiva” do goberno local ante este asunto porque “levamos dous anos advertindo do perigo e incluso no pleno de setembro do ano pasado preguntamos de novo ao equipo de goberno se agardaban a que houbese danos a terceiros para arranxar este problema; pero a alcaldesa escusouse dicindo que se se quitaban as chapas, se producirían filtracións de auga. A realidade é que se producen igualmente debido á falta de paneis e ao estado lamentable dos que quedan no lateral do edificio”. Aínda así, “dende o goberno local non actuaron para evitar posibles riscos ás persoas”, lamenta.

Rodríguez explica que “estes desprendementos se producen cando fai moito vento”. Por iso incide en que “é necesario retirar os elementos que supoñen un perigo para as persoas porque o lugar onde caeu a chapa este martes é moi concorrida polos pais e nais que levan e recollen aos seus fillos no PAI. Houbo sorte de que non causou danos materiais nin persoais”, argumenta. O voceiro do PP conclúe que “é unha irresponsabilidade por parte do goberno local non ter actuado con máis rapidez para dar solución a este problema”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here