O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 1.020, 66 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido este xoves polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse un total de 34 positivos novos por PCR.
Dos 1.020 contaxiados, 71 permanecen ingresados, sete menos (22 deles, tres menos, en coidados intensivos, todos no HULA). Os 49 pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o Hospital da Mariña (seis, un máis), o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (32, tres menos) e o centro hospitalario de Monforte (dez, dous menos).
No histórico da provincia documéntanse 196 defuncións, 10.196 altas e 11.418 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 178.945 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 733 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica, Viveiro segue en melloría; conta 22 positivos novos nos últimos 14 días, cinco menos ca na anterior actualización. Burela mantense en dez casos nese mesmo período. O resto dos municipios da Mariña teñen entre un e nove contaxios confirmados nas últimas dúas semanas, agás Lourenzá, Trabada e Barreiros, libres de Covid-19.