O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 942, 78 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido este venres polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse un total de 36 positivos novos por PCR.
Dos 942 contaxiados, 61 permanecen ingresados (21 deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os 41 pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o Hospital da Mariña (cinco, un menos), o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (27, cinco menos) e o centro hospitalario de Monforte (oito, dous menos).
No histórico da provincia documéntanse 198 defuncións, 10.307 altas e 11.452 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 179.929 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 984 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica, Viveiro mantense con 22 positivos novos nos últimos 14 días. Burela baixa dos dez casos nese mesmo período. O resto dos municipios da Mariña teñen entre un e nove contaxios confirmados nas últimas dúas semanas, agás Lourenzá, Trabada e Barreiros, libres de Covid-19.