O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, vén de dirixirlle un escrito á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta no que asegura que os requisitos marcados aos socorristas que queiran traballar en Galicia a vindeira tempada estival son “a todas luces excesivos”, algo que lle ocasionará ao Concello “moitas dificultades á hora de cubrir as prazas necesarias para prestar o mellor servizo nos areais ribadenses”, asegura.
O rexedor alude ás diferenzas entre Galicia e Asturias: “en Ribadeo observamos como nos concellos veciños do occidente asturiano non existe tal problemática e a oferta de socorristas é superior á demanda necesaria”, ao contrario que na Mariña, onde ano tras ano se repiten os problemas na contratación, dificultades ás que se engade a cada vez menor contía destinada pola Xunta á vixilancia nas praias, ao aumentar o orzamento para cubrir prazas en piscinas.
Deste xeito, poboacións turísticas que multiplican poboación como Viveiro, Barreiros, Foz ou Ribadeo vense en dificultades para garantir a vixilancia en areais con moita afluencia.
A XUNTA É CADA VEZ MÁIS ESIXENTE COS PROFESIONAIS MENTRES CUSTEA MENOS PRAZAS NAS PRAIAS
Para Fernando Suárez “é tan perigoso ter praias sen socorristas como praias con traballadores non capacitados. Parécenos inconcibible o que nos vén pasando nos últimos anos, nos que non cubrimos o servizo necesario cando realmente si que hai socorristas no noso entorno válidos, pero que non dispoñen dos requisitos galegos”, sinala.
O alcalde ribadense advirte que “á maioría dos socorristas que veñen traballando desde hai moitos anos no noso concello cadúcalles o rexistro como socorrista acuático/a de Galicia no vindeiro mes de abril de 2021”. E segue a explicar que “quedarán sen a posibilidade de traballar de non adaptarse aos requisitos para obter o certificado de profesionalidade de socorrismo acuático en Galicia, os cales resultan excesivos”.
Segundo indica Suárez Barcia, algúns dos requisitos que deberán pasar son “un curso de 270 horas ou participar nun proceso de acreditación de competencias profesionais para o que se esixen tres anos de experiencia laboral nos últimos 10 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas, ou 300 horas de formación nos últimos 10 anos, cando a principal lacra deste traballo en Galicia é a temporalidade moi curta”, remarca o rexedor.
O alcalde de Ribadeo engade nese escrito que “aquí tentamos que a tempada estival, e polo tanto a contratación de socorristas, cubra cando menos tres meses. Polo tanto e no mellor dos casos, un socorrista que traballe nas praias do municipio durante dez anos seguidos soamente acumularía unha experiencia de dous anos e medio, non cumprindo co requisito esixido de 3 anos”.
O REXEDOR RIBADENSE PIDE A RENOVACIÓN AUTOMÁTICA DOS CERTIFICADOS
Desde o Concello ribadense proponse a renovación automática do rexistro dos socorristas que nos vindeiros meses quedarían incapacitados para prestar servizos nos areais, cando menos de xeito que cubra a vindeira campaña de verán de 2021.
E pídelle tamén á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior que “revisen os requisitos marcados para acceder ao certificado de profesionalidade para socorristas que xa contan con experiencia, pois ao noso xuízo, deberían quedar perfectamente habilitados realizando os cursos de reciclaxe que xa ofertan, con 16 horas de duración, ou esixir unha experiencia razoable nos procesos de acreditación de competencias profesionais, adaptada á nosa realidade”.