O Concello de Cervo acometerá as obras necesarias para dotar dun sistema público de abastecemento de auga ao burgo de Trasbar.
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Obras e Medio Ambiente, Mali Méndez, mantiveron un encontro coa pedánea da zona Marina Díaz e cunha representación da asociación de veciños para explicarlles o proxecto para o que se destinarán 133.000 euros.
Villares precisou que “levamos xa tempo traballando conxuntamente para axilizar a posta en marcha desta prestación; que nos próximos meses será xa unha realidade”.
As obras proxectadas –tal e como puntualizou o rexedor-, consistirán na execución dunha conexión na rede municipal existente, dun bombeo, e a construción dun depósito de cabeceira, próximo ao núcleo, desde onde partirá a rede de distribución que dará caudal e presión suficientes ás casas do burgo; que ata o de agora se subministran a través de medios autónomos como traídas particulares ou pozos.