IniciosociedadePP e PSOE de Foz acúsanse da perda de fondos públicos ao...

PP e PSOE de Foz acúsanse da perda de fondos públicos ao ter que resarcir con 1,15 millóns a Gestagua

O Concello deberá aboar a diferenza entre o custo do servizo de abastecemento de agua e a tarifa que pagou a veciñanza a Gestagua entre xuño de 2016 e xuño de 2020

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz e o Partido Popular (PP) polemizaron este luns pola proposta de incorporación dun crédito extraordinario, que irá a pleno o xoves, por importe de 1,15 millóns de euros con cargo ao remanente de tesourería, a fin de aboar a diferenza entre o custo do servizo de abastecemento de agua e a tarifa que pagou a veciñanza a Gestagua entre xuño de 2016 e xuño de 2020. O partido socialista e mailo conservador cruzaron acusacións respecto desta situación.

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, concretou que segundo os servizos de Intervención é posible acceder aos remanentes de tesourería para facer fronte a este desequilibrio, “de forma que se garanta a estabilidade orzamentaria do Concello e non se vexan comprometidos gastos correntes e investimentos”.

CAJOTO RESPONSABILIZA A CASTIÑEIRA: “FIXO OFICIAL UNHA FÓRMULA DE ACTUALIZACIÓN QUE NON ESTABA NOS PREGOS”

Cajoto cargou contra PP, ao que acusou de “saír en tromba a escusarse, querendo botar terra sobre un asunto que a min paréceme ben escuro. Segundo o seu voceiro (Javier Jorge Castiñeira) a mala xestión durante os seus oito anos de goberno en todo o relacionado co contrato da auga e a actualización das tarifas é culpa da oposición. Absolutamente incrible, oito anos nos que o único que se fixo foi prexudicar os intereses do Concello de Foz”, argumentou.

O actual rexedor municipal remóntase ao pleno do mes de marzo de 2014. “Hai case sete anos o anterior alcalde colou -vía urxencia na Comisión de Asuntos Preparatorios de pleno e posteriormente no plenario de marzo do 2014- un informe dun perito contratado por el mesmo na súa calidade de alcalde. Sen informe dos servizos xurídicos presentou a fórmula aos distintos grupos como unha aclaración que había que realizar para actualizar as tarifas. Na realidade esa aprobación plenaria veu facer oficial unha fórmula de actualización de tarifas que non estaba incluída nos pregos de licitación, soamente na oferta de Gestagua, e por tanto non era válida ata ese momento”, expuxo.

O PLEITO CONTRA A CONCESIONARIA FOI “UNHA CORTINA DE FUME”

Cajoto engade que “o xuízo no que o Concello de Foz se enfrontou á concesionaria parece unha cortina de fume. O ex alcalde previamente aproba en pleno unha fórmula e logo litiga contra a concesionaria a utilización desa mesma fórmula. Absolutamente incoherente e así o reflicte o xuíz: definitivamente, a defensa do Concello quedou absolutamente vendida”, indica.

O rexedor focego salienta que segundo subliña o xuíz, “dá a sensación de que na contestación á demanda quérese plasmar unha postura de oposición aos plantexamentos da actora, cando verdadeiramente non a hai, posto que o pleno da corporación aprobou o que aprobou e non é outra cousa que debe atenderse ás conclusións do informe externo contratado”. Así, sostén que “o punto que o señor Castiñeira levou de urxencia a pleno en marzo de 2014 provocou que Foz tivese que pagar á concesionaria 1,3 millóns en 2016 e agora algo máis de 1,1 millóns de euros en 2021. Non sabemos da motivación do ex alcalde para actuar así, pero si sabemos das consecuencias: absolutamente nefastas. A mala xestión ten as súas consecuencias, que pagamos todos”, dixo.

CASTIÑEIRA AFIRMA QUE O ALCALDE “DESVÍA A ATENCIÓN” DAS “DECISIÓNS NOCIVAS DO SEU PARTIDO”

Castiñeira, pola súa banda, expuxo que “o encargo do informe do que fala Cajoto produciuse a petición do propio pleno que despois de entender que era moi complexo que os técnicos municipais desenvolveran a fórmula de actualización decidiu que fose un técnico externo; está de testemuña o señor (Jaime) Cancio e os concelleiros socialistas despois non adscritos”.

O voceiro dos populares focegos concreta que “dito informe foi exposto a todos os grupos e trataba de desenvolver unha fórmula asumida e asinada polo goberno socialista no 2007, ao prorrogar por segunda vez un contrato de 1992 de cinco anos de vixencia”.

“Se o señor Cajoto quere saber por que existía a formula de actualización pode preguntarlle ao seu mentor, o señor (José María) Rivera, que foi quen prorrogou o contrato con Gestagua a pesar da oposición do PP e do BNG daquela. Aplicar as actualizacións non é cousa do Partido Popular; o señor Rivera despois de firmar a prórroga no 2007 xa demandaba como alcalde no pleno a actualización correspondente, o raro foi que despois na oposición votaba en contra do que el mesmo firmara”, engadiu Castiñeira.

O EX REXEDOR INSTA A RETOMAR OS PREGOS DA CONCESIÓN DO SERVIZO

O PP reclama ao alcalde que se “deixe de falsidades e non desvíe a atención, e asuma a responsabilidade do seu partido na perda de fondos públicos, por tomar decisións nocivas ao votar en contra das actualizacións que reclama Gestagua e que ninguén negou nunca, na perda de fondos públicos”. Ademais, instouno a “cumprir cos seus compromisos electorais” no tocante á municipalización do servizo de aguas e depuración. “Se en todo caso agora non o vai facer, que retome os pregos da concesión iniciados no 2018 polo goberno popular e evite seguir perdendo fondos municipais como vai ter que facer con este millón largo de euros que a Xustiza decidiu que ten que pagar”, dixo Castiñeira.

DEPURADORA

Por outra banda, Cajoto concreta que o Concello “continúa a traballar na licitación dun novo contrato de abastecemento e xestión de augas residuais. Tivemos que facer traballos previos como implantar a licitación electrónica, que non existía en Foz. Aínda que a falta de estabilidade no cargo de secretaría nos está a causar atrasos trabállase no prego e nunha tarifa que prime a redución do consumo dos fogares e as condicións socioeconómicas dos mesmos: debemos ser respectuosos cun recurso que é escaso”, argumentou.

“Tamén se traballa para incluír a xestión da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Foz cando entre en funcionamento, da que levamos en trámites desde 2015 e aínda sen ningún documento aprobado. Esperamos de verdade que Augas de Galicia faga os seus deberes e todos os grupos políticos pelexen por ela. Debemos ser serios e non pedir informes en pleno que xa existen, é inaudito: estamos perdendo tempo de traballo e a depuradora sen un ladrillo posto”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...