IniciosociedadeMalestar en Barreiros por non atender Telefónica o desprendemento dun poste sobre...

Malestar en Barreiros por non atender Telefónica o desprendemento dun poste sobre a vía pública

A rexedora presenta unha queixa formal despois de que a empresa non solucionase unha problemática exposta o pasado sábado

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Barreiros rexistrou unha queixa formal a Telefónica pola “falla de atención técnica ás incidencias postas en coñecemento por parte desta administración” no referente á rotura dun poste de telefonía que quedou desprendido sobre a vía pública.

A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, expón que o poste “xa se atopaba en mal estado”, e o pasado sábado, 20 de febreiro, “quedou desprendido sobre a vía pública e provocando un perigo inminete e evidente sobre a mesma”. Esta circunstancia púxose en coñecemento da empresa, ademais de que “outros postes e o propio cableado se viron afectados pola incidencia”.

O luns 22 de febreiro, de acordo co relato da rexedora, “reiterouse tal incidencia por diversos medios e en varias ocasións, xa que ademais do perigo evidente, impide o paso de vehículos de certa altura como camións ou autobuses e, polo tanto, interrumpe as rutas que dan servizo aos centros escolares. Esta nova incidencia, que segundo se nos trasladou debera ser reparada nun máximo de 4 horas, xerou o código INC-0020077525″, concreta Ermida. Ao día seguinte “reiterouse” o problema exposto, sen arranxo ata daquela, e fíxose constar “a necesidade inmediata dunha solución”.

A alcaldesa concreta que “existen así mesmo outras incidencias comunicadas en datas 23 de setembro do 2019, 27 de decembro de 2019 e 28 de maio de 2020 que, pese a que foron visitadas por persoal técnico, non foron realizadas”.

DIFICULTADES PARA A CIRCULACIÓN DE CAMIÓNS OU AUTOBUSES ESCOLARES

Deste xeito, o Concello de Barreiros reclama “a atención inmediata de ditas incidencias e, especialmente a máis recente por supór un impedimento para a circulación por estrada, así como un perigo para a seguridade na vía”, así como “a emisión dun informe sobre responsabilidade na falla de cara á posibilidade de emprender as accións que se consideren oportunas por parte desta administración local”.

Tamén un dossier sobre “o servizo e medios existentes neste termo municipal, incluída a existencia de postes ou cableados inventariados, do seu estado e a reposición inmediata daqueles que estean en mal estado”.

“No tocante á situación recollida na incidencia INC-0020077525, tal e como xa se trasladou
telefónicamente ao servizo de atención no teléfono 981.18.38.00, esta alcaldía dará as ordes precisas para retirar o cableado da vía pública e recuperar o paso rodado nas vías afectadas, non responsabilizándose dos danos que se poidan producir en ditas liñas, ao responder a actuacións de emerxencia derivadas do incumprimento das súas actuacións técnicas no servizo”, conclúe Ermida.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...