O Concello de Cervo eximirá á hostalería do pago dos recibos da auga (asumindo tamén o recibo autonómico da mesma), do lixo, do saneamento e das terrazas durante un ano.
Así o anunciaron no día de hoxe o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, que explicaron que “levamos tempo traballando co servizo de intervención e tesourería para buscar a fórmula para poder botarlle unha man a este sector que é un dos máis damnificados pola crise sanitaria, e que sufriu e segue a sufrir en primeira persoa as restricións e limitacións derivadas da crise sanitaria”.
A modificación das ordenanzas para poder suprimir o cobro destas taxas durante un ano será levada a pleno “e contamos que antes do verán poida xa estar en vigor”. Por esixencias normativas, “a partir desa data, con carácter bimensual, emitiranse recibos por un valor absolutamente simbólico de arredor dun euro”, concreta o goberno municipal cervense.
UN ANO DE PECHES E MODIFICACIÓNS DA FORMA DE TRABALLAR
Tal e como precisan Villares e García Caramés, “levamos un ano de pandemia, case 12 meses nos que a nosa vida cambiou de xeito radical; o que afectou de maneira especialmente sensible ao sector da hostalería e da restauración que tivo que asumir sucesivos peches e continuas modificacións adaptando a súa maneira de traballar”, indican. “O 2020 foi un ano nefasto, e neste 2021 no que agardamos pouco a pouco poder ir recuperando unha certa normalidade; coa exención destas taxas o que pretendemos é botar unha man a este sector, contribuíndo así ao impulso dunha actividade económica fundamental no noso municipio”, afondan.
A edil e o rexedor recordaron que durante o 2020 xa se foron tomando medidas nesta liña para axudar ao sector na medida do posible: “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche aló polo mes de maio; tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e desde o 15 de marzo non se emitiu ningún recibo pola ocupación da vía pública”, resumen.
Esta axuda súmase ao plan de reactivación económica e social dirixido a todas as persoas autónomas do Concello que se puxo en marcha no pasado exercicio.