IniciosociedadeA Xunta habilita por fin a sala de espera para as vítimas...

A Xunta habilita por fin a sala de espera para as vítimas de violencia de xénero reclamada polo persoal

O Goberno autonómico comprometera a dotación para finais do ano 2019, pero os funcionarios de Xustiza alertaban a semana pasada de que o cuarto aínda non estaba amoblado

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta anunciou este xoves que habilitou no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro unha sala de espera para as vítimas de violencia de xénero que xa está operativa, unha vez rematados os traballos de renovación de pintura, acondicionamento e dotación de mobiliario, unha tarefa, esta última, que se rematou hoxe. As actuacións realizáronse trala organización de distintos espazos do edificio xudicial desde que se trasladou o arquivo a un novo local cedido polo Concello.

O Goberno autonómico satisfai así unha reclamación dos traballadores, que alertaran en abril de 2019 da situación das vítimas, que debían agardar durante horas para declarar nunha sala sen apenas espazo, con mobiliario suxo e repleta de arquivos. Doutro xeito, poderían cruzarse cos seus agresores no xulgado, polo que un espazo cómodo, reclamaban, trátase dunha necesidade.

A solución estaba ao alcance, dado que para mellorar os espazos, o Concello de Viveiro -despois dun acordo plenario- ofrecera á Xunta a finais de 2015 a cesión a planta baixa e parte do primeiro andar do edificio anexo ao dos xulgados, onde se atopaba anteriormente a biblioteca municipal.

Malia que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu o dito servizo para finais de 2019, os traballadores denunciaban aínda a semana pasada que as vítimas estaban a declarar nun cuarto que viña de ser pintado e que non tiña mobiliario.

O PSdeG CRITICA O ATRASO

Este mesmo xoves, a secretaria provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e deputada autonómica, Patricia Otero, anunciaba que interviría mañá venres na Comisión Institucional de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia, para esixir ao Goberno de Feijóo que habilitase no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro “un espazo propio e digno como sala de agarda para as mulleres maltratadas que comparecen nel”.

Otero lamentou o atraso malia “os múltiples anuncios da Xunta de Galicia de que estaría operativa a finais do ano 2019”, logo de que trouxese o asunto á Cámara Autonómica en maio de 2019.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...