O pleno de Foz acordou instar ao Goberno central, a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade de Axenda Urbana, a “axeitada dotación de persoal” na empresa pública Correos e a restitución do servizo de oficina os sábados.
Os nacionalistas lembraban que co estado de alarma “a empresa pública Correos é considerada na obriga de garantir a prestación do servizo postal universal”, lamentando que “está operativo o persoal estritamente imprescindible para a prestación do servizo público, deixando de prestarse outros servizos encomendados dende a vaga privatizadora na que se viu inmersa nos últimos anos”.
Así, as oficinas de Correos “actualmente permanecen pechadas os sabados, tamén a de Foz, por moito que na oficina e na web de Correos figura a apertura nese horario. Isto provoca numerosos inconvintes a moitos usuarios que só poden realizar os trámites de servizo público eses días. Os traballadores da empresa levan denunciando anos a carencia de persoal en tódolos servizos que presta, tanto de oficina, reparto e clasificación”, remarcan os nacionalistas.
DERROGACIÓN DA ORDENANZA FISCAL TERRAZAS
Ademais, aprobouse unha moción anunciada polo goberno local para derrogar a ordenanza fiscal por ocupación de terreos de uso público, principalmente no tocante á colocación de terrazas.
MODIFICACIÓN DE CRÉDITO PARA RESARCIR CON 1,15 MILLÓNS A GESTAGUA
Igualmente, saíu adiante -coa abstención de Foz Plataforma de Futuro– unha modificación de crédito extraordinaria por 1,15 millóns de euros para resarcir a Gestagua. Derivado dunha sentenza xudicial, o Concello deberá aboar a diferenza entre o custo do servizo de abastecemento de agua e a tarifa que pagou a veciñanza á empresa entre xuño de 2016 e xuño de 2020.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLO 8-M
No pleno aprobouse ademais por unanimidade unha declaración institucional polo Día Internacional da Muller a prol dunha igualdade “plena e efectiva”, tendo en conta que a pandemia “afectou máis ás mulleres” polo peso que asumen respecto aos coidados; “os cambios necesarios pasan pola educación, por romper os roles de xénero e pola eliminación de fendas como a salarial e a laboral”, expón a corporación focega.
OBRADOIRO DE EMPREGO CO VALADOURO E ALFOZ
Outra das propostas que tiveron luz verde foi unha presentada pola alcaldía para solicitar á Xunta a aprobación dun obradoiro de emprego, ‘Terras do Ouro 2021‘, conxunto cos municipios do Valadouro e Alfoz, a fin de completar tarefas de desbroce e facilitar a inserción laboral das persoas participantes.
O CONCELLO CONVOCA CINCO EMPREGOS DE PERSOAL LABORAL TEMPORAL
Por outra banda, con cargo ao Plan Único, o Concello de Foz convocou cinco empregos de persoal laboral temporal: tres de peóns de servizos múltiples, un de peón condutor e outro de auxiliar de servizos múltiples.
As tres prazas de peóns operarios de servizos múltiples son para un período de seis meses, a de peón condutor é para sete meses e a de auxiliar de servizos múltiples para tres meses, todas elas a xornada completa.
A concelleira de Emprego, Inés López Couto, explica que “para optar a estas prazas os interesados deberán presentar solicitude no Concello. O prazo remata este vindeiro mércores, 3 de marzo”, conclúe.