A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo fai un chamamento á cidadanía para que nesta nova etapa de desescalada que comeza este venres sexa “especialmente responsable“. Así o expuxo o colectivo empresarial nun comunicado no que lembra que “as normas son moi claras e os camareiros e comerciantes non son policías; debemos entre todos ser responsables, xogámonos moito de aquí a Semana Santa”, indican.
Francisco Iriarte, presidente da patronal ribadense, cre que “o meu deber é ser moi claro tanto cos veciños como cos negocios da vila sexan socios ou non. Estamos nun momento crítico, un paso en falso, é dicir poucos positivos en poucos días pódennos levar á situación da que acabamos de saír“, remarca.
ALERTA DE INSPECCIÓNS
“Sexamos prudentes e rigorosos á hora de cumprir as normas. Se un bar ten cheo o aforamento, vai a outro e volve despois a ese. E no tócante aos negocios, ata o de agora a gran maioría foi responsable, sigamos así. Cumpramos as medidas de distancia de mesas, o peche das barras e os aforamentos, xa se nos avisou de que se van facer inspeccións, polo que aínda solo sexa polo dano ao peto sexamos escrupulosos neste asunto”, sostén.
Jesús Pérez, xerente de Acisa, indicou que “dende Acisa queremos axudar á hostalería neste momento de reapertura, os camareiros e os comerciantes non son policías, e é moi desagradable ter que dicirlle a clientes habituais que non poden entrar porque o aforamento esta cheo; por iso dende Acisa poñeremos en marcha a campaña Non me comprometas, co fin de concienciar á cidadanía. É o momento de recordar que ir a un bar ou a un restaurante é mais seguro que xuntarse nunha casa. Nin as casas nin os parques son bares son sitios seguros se te relaxas e incumpres todas as normas”, matizou.
A ASOCIACIÓN AVALÍA A POSIBILIDADE DE FACER CAMPAÑAS
O xerente da asociación ribadense dixo que “estamos a traballar no reforzo da marca Ribadeo Seguro, como un selo de calidade e seguridade para os nosos establecementos, que incluirá novo reparto de material. Estamos analizando as campañas que se poderán desenvolver nos vindeiros meses e que dependerán da evolución da situación sanitaria que estamos a vivir”, expuxo.
Iriarte subliñou que “tamén comezaremos a vindeira semana cun proceso de melloras internas en Acisa, entre elas a de renovación e actualización da base de datos, que leva demasiados anos sen actualizarse. Ademais a partir de o luns, 1 de marzo, a oficina de Acisa recupera a normalidade, volve a atención presencial de luns a veres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 axustando mellor o horario de oficina ao comercial”.